Actualidade

NO ANDAR -1 ATÉ O 30 DE XUÑO

Francesc Aloy reflicte as paisaxes máis espectaculares de Carballo e da comarca nunha serie pictórica no Pazo da Cultura

Francesc Aloy reflicte as paisaxes máis espectaculares de Carballo e da comarca nunha serie pictórica no Pazo da Cultura

20/06/2012 A contorna e as paisaxes da comarca -que lle serven de inspiración-, a amizade e contactos que mantén na zona a través da Coral Polifónica de Bergantiños e a boa comida son os tres motivos principais esgrimidos polo artista catalán Francesc Aloy para presentar no Pazo da Cultura a exposición "Rincóns de Carballo e Costa da Morte". Trátase dunha mostra composta por unha serie de pinturas cunha temática realista, impresionista e figurativa na que se recollen procedementos ao óleo, acuarela e cerámica e na que o público poderá desfrutar de diferentes paisaxes da nosa bisbarra cun particular tratamento da cor e a luz. Francesc Aloy coñece Carballo mediante un intercambio coa Coral Polifónica de Bergantiños, colaboradora desta exposición, e dende ese momento comeza a súa relación co municipio. Este autor, que posúe un amplo currículo as súas espaldas, comeza a súa carreira artística nos anos 70 e a partir de entón realiza máis de 140 exposicións en distintos lugares de España e países como: Italia, Inglaterra, Portugal, Rumania, Canadá, Uruguai, Arxentina ou Francia. Os interesados e interesadas en visitar a mostra ou incluso en adquirir algunha das obras colgadas dos muros da sala de exposicións do andar -1 do Pazo, poden facelo no horario habitual de 18.00 a 21.00 horas até o sábado 30 de xuño.

Francesc Aloy xa expuxera en Carballo no ano 2006 e quixo agradecer ao Concello a oportunidade de facelo "unha vez máis". Tamén expresou a súa gratitude cara á Coral Polifónica de Bergantiños por "axudarme moito a percorrer a comarca", ademais de por acollelo cada vez que vén "porque me tratan moi ben". Por último, gabou as paisaxes da zona, unha contorna perfecta para inspirar "a un pintor semi profesional coma min", que amosa o traballo realizado ao longo de todo un ano. Nos lenzos están recollidas zonas como a Ponte Lubiáns, o areal de Razo ou o río Anllóns, xa que Aloy afirma ser amante das praias, dos peiraos ou da auga. A inauguración da mostra tamén contou coa presenza do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e da Concelleira de Cultura, Mar Eirís, ademais de numerosos veciños e membros da corporación. Ferrero quixo desexarlle sorte ao artista na súa nova andaina expoñendo en Carballo e amosou a súa satisfacción de que paisaxes como as do municipio poidan ser plasmadas nas obras de Aloy. Por último, tanto o artista como alcalde quixeron desexarlles aos veciños e veciñas unhas boas festas de San Xoán, xa que esta actividade está incluída no programa.

Volver

© Concello de Carballo, 2009