Actualidade

NA SALA DA BAIXOCUBERTA DO 3º ANDAR

A exposición "Obras por descubrir", dedicada ao artista Alberto Gende, permanece no Pazo da Cultura até o 30 de xullo

A exposición "Obras por descubrir", dedicada ao artista Alberto Gende, permanece no Pazo da Cultura até o 30 de xullo

15/06/2012 A sala da baixocuberta do terceiro andar do Pazo da Cultura de Carballo acolle até o 30 de xullo a exposición "Obras por descubrir", unha mostra colectiva de artistas vinculados con Carballo, incluída no programa das festas de San Xoán, coa que se pretende dar a coñecer os traballos que están a desenvolver. Este grupo aglutina a autores de traxectorias moi distintas e de modalidades artísticas que van dende a pintura á escultura pasando pola fotografía ou o gravado. Esta exposición cumpre cinco anos e xa "é unha cita obrigada no programa das festas", en verbas da Concelleira de Cultura, Mar Eirís. Este ano, a mostra está dedicada ao artista recentemente falecido Alberto Gende, un deseñador gráfico que deixou un legado artístico inesquecible en Carballo producindo a imaxe de campañas comerciais e eventos culturais de diversas entidades, entre elas, do Concello de Carballo, como o Antroido, Venres Culturais, Primavera enDanza, e especialmente o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), para o que traballou realizando os carteis durante 20 anos. O irmán do falecido, Juan Félix Gende, quixo agradecer en nome da familia a lembranza que o Concello e os artistas renden a Alberto, especialmente recordando a súa exposición "Pinturas ocultas", "pola que fixo un esforzo moi grande que ao final pagou a pena". "Obras por descubrir" pode visitarse no horario habitual de 18.00 a 21.00 horas.

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, manifestou que é "unha honra" poder participar na inauguración da mostra na "sala de exposicións Alberto Gende", a situada no terceiro andar do Pazo da Cultura que a partir de agora levará este nome. Os artistas que colaboran na mostra son os seguintes: Emilia Rodríguez, Milagros Cotelo, Lola Oviedo, Mon Lendoiro, Antonio Taracido, Mª José Costa "Chiña", Miguel Anxo Calvo "O'Mighelo", Cristina Castro, Jacobo Veiga, Vicky Vilariño, Santi Picos, Adriana Suárez, Marcos Rodríguez, Antonio Reino, Manolo Eirín, Manuel Pazos, Peter Kramer, Nils Viga, Eva Facal e Juan Casares. Evencio Ferrero quixo subliñar que "en Carballo hai creativos" que "hoxe sorpréndennos con estas pinturas por descubrir". O Alcalde desexou "que a memoria colectiva" permita "que teñamos boas lembranzas de xente que traballou para o desfrute de todos e todas nós", como o propio Alberto. Tampouco desaproveitou a ocasión para falar do San Xoán e "de festa e amizade" e dun tempo "para tomar as rúa de Carballo e que sexa un lugar de encontro como o desfrutou Alberto Gende". No traballo do artista homenaxeado hai que mencionar tamén a súa faciana como pintor. As súas obras foron premiadas no X Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo e no IX Certame de Pintura Comarca do Sar, entre outros galardóns e exposicións colectivas.

Por último, hai que mencionar que a inauguración contou cunha performance realizada polos alumnos de terceiro ano da Aula Municipal de Teatro de Carballo, que escenificando a gama de cores que empregan os artistas nas súas obras, afondaron no proceso creativo de Alberto Gende e axudaron a descubrir as obras que conforman a exposición na súa honra. Tamén contribuiron a "cubrir" de pintura branca un collage realizado polos vinte artistas que colaboran na mostra. A poetisa Rosalía Fernández foi a encargada de poñer o punto e final ao emotivo acto recitando unha das súas obras.

Volver

© Concello de Carballo, 2009