22/05/2012 O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Mar Eirís, informa de que está aberto o prazo para anotarse na XXV edición do Concurso de Cachelas de San Xoán 2012. Poderán concorrer todos os grupos que o desexen, que deberán inscribirse no Museo de Bergantiños (Rúa Martín Herrera, 981 702 077) antes das 13.00 horas do mércores 20 de xuño de 2012. Así mesmo, está aberto o prazo para inscribirse no XV Descenso do Anllóns de San Xoán 2012. Poderán concorrer os equipos compostos por 3 ou máis membros que se inscriban no Museo de Bergantiños tamén antes das 13.00 horas do día 20 de xuño. Coa inscrición, cada equipo deberá entregar unha declaración na que farán constar que coñecen o percorrido, que aceptan as bases deste concurso e que eximen de responsabilidades á organización polos accidentes ou danos que puideran ocasionar e/ou sufrir os membros da embarcación. Os menores de idade entregarán tamén unha declaración asinada polo pai, nai, titor/a, autorizándolles a participar. Estes impresos facilítanse coa inscrición. Os interesados e interesadas en consultar as bases ao completo, poden facelo nesta mesma nova en sendos documentos en pdf.
No que respecta ao Concurso de Cachelas, hai que mencionar que ás 20 primeiras inscritas que participen no Concurso e non resulten premiadas correspóndelles unha axuda de entre 20 e 50 euros, segundo determine o xurado en función da súa calidade. Se o xurado considera que a súa calidade non é suficiente poderán non ter dereito a esta axuda. A valoración das cachelas realizarase, antes da súa queima, entre as 19.00 e as 23.00 horas do día 23 de xuño. Para realizar a valoración das cachelas, o xurado terá en conta a orixinalidade do deseño e a súa elaboración (tamaño, materiais empregados, calidade da execución, etc.). As cachelas gañadoras recibirán os premios que se sinalan a continuación, podendo o xurado deixar deserto algún deles se o estima oportuno. Así mesmo o xurado poderá outorgar accésits por un valor de 90 euros se o considerase pertinente:Buscador:
© Concello de Carballo, 2009