Actualidade

SÁBADO 12 E DOMINGO 13 DE MAIO

O pianista carballés Iago Franqueira participa na III Mostra Musical Eixo Atlántico 2012 en Vilagarcía de Arousa

O pianista carballés Iago Franqueira participa na III Mostra Musical Eixo Atlántico 2012 en Vilagarcía de Arousa

10/05/2012 O pianista carballés Iago Franqueira, que cursa estudos musicais no Conservatorio Profesional de Música de Carballo dende os 8 anos participa o sábado 12 e o domingo 13 de maio na III Mostra Musical Eixo Atlántico 2012, que se celebra en Vilagarcía de Arousa. Trátase dun certame de carácter bienal que ten o obxectivo de recoñecer, promover, premiar e difundir a práctica da música, apoiando a aqueles músicos intérpretes que polo seu valor e interese poidan contribuír á difusión do gusto pola música de Galicia e do Norte de Portugal, favorecendo a innovación, a calidade, a interacción e a renovación no panorama musical do Eixo Atlántico. A cita xira arredor da música clásica e conta con tres categorías: agrupacións de cámara -de 2 a 6 integrantes-; agrupacións maiores (orquestras, bandas, ensembles, etc.) -a partir de 7 integrantes-; e solistas, categoría na que participa Iago Franqueira no grupo B, de 14 a 18 anos e que ofrece un premio en metálico de 750 euros. Os participantes deben interpretar unha ou varias obras de libre elección cunha duración máxima de 10 minutos, no caso dos solistas, e de 15, nas agrupacións. O sábado 12 desenvólvese a fase previa e as finais son o domingo 13, con 15 participantes (3 por categoría e grupo).

Respecto da traxectoria de Iago Franqueira (1995), comeza cando aos 8 anos comeza a estudar a especialidade de clarinete co profesor José Vicente Pérez Planells. Forma parte da Banda Municipal de Música de Carballo durante máis de sete anos, e á idade de dez anos iníciase na especialidade de piano da man do mestre Manolo Bello, continuando máis adiante coa profesora María Paz Hosanna Fernández Negreira. Na actualidade recibe asiduamente clases da pianista e pedagoga Mercedes Goicoa Fernández. En 2010 participou como alumno activo no XII Curso de Técnica e Interpretación Pianística 'Ciudad de Toledo', onde estuda interpretación con Alfonso Peciña, Sara Blázquez, Marc Antoni Mas, Sophi Hase, Elena Orobio e Claudio Martínez Mehner. Asiste no ano 2011 á Master Class co destacado pianista José Núñez Ares. Hai uns días ofreceu un recital de piano no Pazo da Cultura carballés para celebrar a súa participación na III Mostra Musical Eixo Atlántico, interpretando o 1º Movemento da Sonata Op.3 nº 3 de Beethoven, o Estudo Op. 10 nº 4 de Chopin, a Polonesa Op. 26 nº1, tamén de Chopin, e "La cathédrale engloutie" (Preludio, X) de Debussy.

Volver

© Concello de Carballo, 2009