Actualidade

AS LETRAS EN VOCES: O DÍA 17

Carballo celebra o mes das Letras en honor de Valentín Paz-Andrade con música, festivais, teatro, libros e exposicións

Carballo celebra o mes das Letras en honor de Valentín Paz-Andrade con música, festivais, teatro, libros e exposicións

07/05/2012 Carballo celebra o Día das Letras do 17 de maio a través dun programa de actividades que dura todo o mes e que se centra nunha serie de citas arredor da promoción da lingua, o libro e a lectura con propostas moi diversas como teatro, concertos, exposicións ou festivais. O Programa das Letras 2012 está organizado pola Concellaría de Cultura, pero tamén conta coa colaboración das asociacións culturais do municipio, que contribúen coa celebración de diversos actos, e de organismos como a Deputación provincial. Como cada ano, o acto máis esperado é o maratón "As letras en voces", o día 17 de 11.00 a 13.30 horas, unha lectura pública e colectiva dos autores homenaxeados no Día das Letras na que cada participante le un fragmento literario de calquera dos cincuenta autores que teñen sido recoñecidos este día, con especial atención ao escollido este ano, o pontevedrés Valentín Paz-Andrade. O obxectivo da cita é "realizar unha homenaxe á lingua galega como vehículo de expresión e creación, e como un dos expoñentes esenciais da nosa cultura", en verbas da Concelleira de Cultura, Mar Eirís. Os interesados e interesadas en reservar horario poden facelo no teléfono 981 704 300; no fax 981 704 302 e no correo <cultura@carballo.org>.

O maratón "As letras en voces" contará, así mesmo, coa apertura musical da Banda Tradicional de Gaitas, que dirixe Xesús Moreira, e coa actuación das corais Riveiras do Anllóns e o coro da Asociación COEI (Comité de Orientación para Emigrantes Italianos). Outra da sorpresa da maña do día 17 é a intervención no acto de varios compoñentes da mítica formación cultural carballesa, Xocaloma. A cita inclúe o XXXII Concurso Infantil de Pintura Luís Calvo da AC Lumieira e por último, e como novidade este ano, o maratón rematará co tradicional Concerto das Letras da Banda de Música Municipal de Carballo que por primeira vez terá lugar no Xardín Municipal a partires das 13.30 horas. Outro das citas máis relevantes do programa ten lugar o mércores 16 de maio a partires das 21.00 horas. Trátase de "Vitaminas para o galego", un pequeno festival que pretende darlle enerxía ao uso e prestixio da lingua galega. A entrada é libre e gratuíta e o acto tamén serve de marco para entregar o Premio a artigos xornalísticos normalizadores, que recaeu en Carlos Callón por "Fai o teu galego" e que tamén supuxo un accésit para Alba Cid. A cita será presentada pola actriz, escritora e contacontos, Xograresa de Outono, Paula Carballeira; e contará coa actuación en acústico de Sés, un grupo galego que está formado pola cantante carballesa María Xosé Silvar e polo guitarrista Tito Calviño.

No que respecta ao resto do Programa das Letras, no apartado musical hai que subliñar o Concerto Violíns de Remate, o xoves 24. Un recital de violín con Julia Arca, Patricia Fuentes e Nerea Lema, alumnas do último ano de violín do Conservatorio Profesional de Música de Carballo e dirixidas por Eduardo Coma, profesor e violinista de Lúar na Lubre. Tamén hai que subliñar a actuación do Quinteto de Cordas Cimarrón, o xoves 31. Ofrecerán un concerto de música cubana, da súa terra amosando o mellor do seu repertorio, que inclúe unha colaboración con David Bisbal e con Eduardo Coma. Por último, no apartado musical hai que mencionar o Concerto Aniversario do Coro Aires de Bergantiños e os Encontros Culturais de Arume. A achega teatral do programa corre a cargo da Asociación Cultural Coro Vagalume, que ofrece o sábado 12 e o domingo 13 "Mary Poppins", Vagalume City" e "Unha de romanos". Tamén haberá contacontos para os máis cativos e cativas. O propio día 17 na Ludoteca a cargo de Charo Pita con "Fábulas no berce"; e o día 25, tamén na Ludoteca, con Títeres Cachirulo e "Bo rato cos ratos".

"Comarca natural de Bergantiños" e "Un mar de sensacións"

Por último, o programa presta especial atención aos libros e á lectura coa presentación de dúas novas obras. O sábado 19 ás 20.00 horas é a quenda de "Comarca natural de Bergantiños" de Salvador Parga Pondal. A cita está organizada pola AC San Campio de Cances e conta coa colaboración de Xosé Manuel Varela Varela, Xosé Pumar Gándara e Xosé María Varela Martínez. Tamén no Local Social de Cances permanecerá entre o 19 de maio e o 19 de xuño a exposición da fotógrafa Ana García "O soño azul". O venres 25 ás 21.00 horas é a presentación de "Un mar de sensacións. Rutas e poemas para descubrir a Costa da Morte", un traballo que xunta a Xan Fernández e Rosalía Fernández Rial (pai e filla) para amosarnos a Costa da Morte dun xeito diferente. A cita está organizada polo Seminario de Estudos Comarcais e conta coa colaboración do Instituto de Estudos Bergantiñáns e o Concello de Carballo. Os interesados e interesadas en consultar o programa ao completo, poden facelo nun documento en pdf nesta mesma nova.

Volver

Documentos relacionados

© Concello de Carballo, 2009