27/04/2012 O xurado do VIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores reuniuse hoxe, venres 27 de abril, para decidir o artigo gañador deste certame, ao que se presentaron 37 traballos, e decidiu concederlle o premio, dotado con 1.000 euros e a publicación do artigo en A Nosa Costa, De Luns a Venres, Diario de Bergantiños, El Periódico de Carballo, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos ao artigo titulado «Fai teu o galego», de Carlos M. Callón Torres. Segundo o xurado, o recoñecemento deste artigo débese á súa capacidade para chegar a públicos amplos e incidir neles cunha linguaxe clara e sinxela, convidando aos lectores a lectoras a utilizar a lingua galega e facéndolles ver que é sinxelo e só é necesario querer. Destaca a enerxía, positividade e entusiasmo do artigo, que presenta a lingua como unha oportunidade, e apela ao compromiso individual das persoas para falaren galego. Carlos Callón (Ribeira, 1978) é profesor de lingua e literatura galegas, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e voceiro da plataforma Queremos Galego. Publicou ensaios como «En castellano no hay problema» (Xerais 2010) ou «Como defenderes os teus dereitos lingüísticos» (Xerais 2011).
O xurado decidiu tamén outorgarlle un accésit sen dotación económica ao artigo «El veloz murciélago hindú comía feliz cardillo y kiwi...», da estudante ourensá Alba Cid Fernández, e recoméndalles aos medios colaboradores a súa publicación. O artigo cuestiona de maneira crítica o apropiamento da linguaxe e das palabras por parte do poder para cambiarlles o significado, para mudar o imaxinario da xente. E isto enmarcado cunha linguaxe inclusiva e cun imaxinario moderno. Alba Cid (Ourense, 1989) é estudante de Filoloxía Galega e gañou numerosos premios literarios, como o de Relatos de Verán de La Voz de Galicia, o Ánxel Casal, GzCrea, o Francisco Añón, etc. O xurado do VIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo estivo composto por Belén Puñal, xornalista carballesa e colaboradora de diversos medios; Marcos Abalde, escritor e gañador da edición 2011 do certame; Pepe Blanco Alborés, técnico de normalización lingüística; e Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo, como secretario, sen voto. Os obxectivos do premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso do idioma galego e promover o emprego do galego na prensa escrita.Buscador:
© Concello de Carballo, 2009