26/04/2012 O Pavillón Vila de Noia da capital municipal acolle a celebración, coa participación do Xiria como anfitrión, do Sector zonal do Campionato de España de Balonmán en categoría Xuvenil Masculina. A cita desenvólvese entre o venres 27 e o domingo 29 de abril e abre a posibilidade de que o Ifecgás Pereira Xiria poida estar entre os oito mellores equipos de España. Así, a competición está dividida en oito sectores zonais distribuídos por toda España nos que se enfrontan catro equipos e os vencedores gañan o dereito de estar na seguinte fase entre os oito mellores. Xunto co Xiria, pelexan pola victoria o Bidasoa Irún, o Cuatro Rayas Valladolid e o Dosa Salesianos de Santander, que durante a fin de semana disputan seis encontros cruzándose todos contra todos. Os partidos do Ifecgás Pereira Xiria son o venres ás 20.30 horas, o sábado ás 18.30 horas e o domingo ás 12.30 horas e o adestrador Fernando Vázquez desexou que "neste último encontro esteamos loitando por estar entre os mellores", xa que considera que "cabe a posibilidade de gañar" ao tratarse dun grupo bastante igualado. Vázquez subliña que os rapaces, que veñen de gañar o título de Campión Galego Xuvenil, están motivados e especialmente "ilusionados" ao celebrarse a eliminatoria en Carballo.
O presidente das Escolas de Balonmán Xiria, Alex Cousillas, explicou que a cita tamén conta cunha faciana lúdica, xa que o sábado pola mañá, ao non haber enfrontamentos da competición, haberá unha cita na que os benxamíns, alevíns, infantís e cadetes disputarán partidos contra o Xiria Fogar e o Balonmán Xallas de Santa Comba. A presentación tamén contou coa presenza do delegado territorial da Federación Galega de Balonmán, que resaltou a cita como unha forma de seguir promocionando o deporte de base e tamén como unha mostra de que as cousas están a facerse de forma correcta. Por último, o Alcalde de Carballo e o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixeron subliñar a importancia de que unha cita deste tipo teña lugar en Carballo. Trigo resalta que "nestes tres días xerarase un importante movemento que repercutirá no sector hostaleiro local, tanto en aloxamento como en restauración", xa que, non só está previsto que veñan os equipos participantes, senón tamén os seus familiares e equipos de toda Galicia que teñen sido invitados para desfrutar da competición. Ferrero quixo destacar o elevado nivel deportivo da cita, con clubs que teñen sido campións de España e incluso de Europa na súa categoría e que teñen sido primeiros ou segundos na liga regular na presente temporada. Así mesmo, gabou a grande temporada do Ifecgás Pereira Xiria, xa que "ser campión galego contra escolas de tantísima tradición da proba do nivel que ten o balonmán en Carballo".Buscador:
© Concello de Carballo, 2009