Actualidade

O XOVES 19 DE ABRIL NO PAZO DA CULTURA

O gaiteiro bretón Patrick Molard recala en Carballo dentro da súa xira de concertos en Galicia

O gaiteiro bretón Patrick Molard recala en Carballo dentro da súa xira de concertos en Galicia

13/04/2012 A Concellaría de Cultura que dirixe Mar Eirís informa de que o xoves 19 de abril o público carballés terá a oportunidade de gozar da música dun dos meirandes gaiteiros do mundo, o bretón Patrick Molard que, aproveitando unha pequena xira que está a facer por Galicia, recala en Carballo despois das xestións realizadas dende o Concello. Este mestre da gaita escocesa, irlandesa e bretona ofrece nos seus recitais unha fusión arredor da música destes países e de Galicia, nutríndose o seu repertorio de temas tanto tradicionais como de autor e, cando a ocasión o permite, de piobaireachd, un xénero musical das Highlands escocesas, de longa duración. Trátase dunha música sabia, de tradición oral, elaborada hai catro séculos nas illas Hébridas. É o son ancestral de Escocia nunha música envolvente e fascinante que a miúdo se compara ao Raga hindú, esquemas melódicos de improvisación, baseados nunha colección dada de notas e patróns rítmicos característicos. Patrick Molard é un artista que ten participado, xa como compoñente de diferentes formacións, xa como músico en solitario, na gravación de máis de 50 discos e CDs. O concerto é no auditorio do Pazo da Cultura e a entrada é de balde. A cita é a partir das 21.00 horas.

Respecto da súa traxectoria e biografía, Molard (Saint Malo-Bretaña, Francia, 1951) inicia no ano 1965 o estudio da gaita escocesa na "Bagad de Saint Malo", para máis tarde ingresar na banda de gaitas "An Eré" de Rennes en 1969. Artífice do éxito do grupo entre os anos 1970 e 1973 en Canadá e Escocia, distínguese ademais como brillante competidor solista en todos os concursos individuais nos que participa durante este período. É neste momento cando decide converterse en músico profesional formando part do grupo de Alan Stivell. Patrick Molard é un dos responsables directos do rexurdimento da música bretona e durante tres anos consecutivos gañou o "Trofeo MaCallan" no "Festival Intercéltico de Lorient" -1980, 1981 e 1982- na Bretaña. No ano 1984 grava o seu primeiro disco de longa duración en solitario baixo o título de "Ar Vaz Balan". Os anos seguintes son os da súa consagración definitiva, continuando na súa liña ascendente e participando como solista nalgunha das formacións máis importantes da Bretaña actual.

Desde o ano 1993 forma parte da asociación de Maestros Solistas Europeos de Gaita, compartindo escenario con outros grandes solistas como Petko Stefanov (Bulgaria), Micheal O'Brien e James O'Brien-Moran (Irlanda), Rory Campbell e Fred Morrison (Escocia), Hevia e J.M. Fernandez "Guti" (Asturias), X. M. Budiño, Anxo Pintos e Suso Vaamonde (Galicia). Por outra banda, Patrick Molard conságrase ao ensino da música tradicional e imparte cursos de gaita escocesa, bretona e irlandesa, ao tempo que participa en seminarios sobre estes mesmos instrumentos celebrados en diferentes puntos de Europa.

Volver

© Concello de Carballo, 2009