04/03/2011 O artista carballés Manuel Pazos expón por primeira vez na súa vila cunha escolma de obras que mesturan a vida mariña e a urbana a través dos colores cambiantes dos polbos da lonxa de Malpica que vía de mozo, como el mesmo explicaba na inauguración da mostra, e a influenza urbanita da cidade de Madrid, onde vive na actualidade. Baixo o nome de "O.V.+G.V.", conta con dúas partes ben diferenciadas. A primeira, "O.V." en referencia ao Octopus Vulgaris, nome científico do polbo, sitúa ao espectador no límite da abstracción e a figuración, utilizando unha peculiar temática na que poden observarse caixas repletas de polbos entrelazados. A segunda, "G.V.", ve a luz por primeira vez en Carballo, e refírese á rúa Gran Vía de Madrid, unha das principais arterias da capital de España que, precisamente en 2010, cumpriu cen anos de vida. Edificios emblemáticos e algunha das vistas máis famosas da cidade quedan plasmadas nun estilo máis realista. A exposición forma parte dunha iniciativa para "fomentar a creatividade e dar a coñecer a artistas locais", segundo explica a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, que lembrou as palabras do xornalista carballés Henrique Mariño para describir ao autor: "un creador poliédrico, versátil e disperso, dificilmente enmarcable nunha disciplina, nunha técnica, nunha temática".
Durante a inauguración, Manuel Pazos quixo agradecer o apoio de familiares e amigos, así como a colaboración da Concellaría de Cultura na posta en marcha da exposición, e describiu a súa escolma como "un contraste entre o 'rollo' urbanita con algo totalmente enxebre". Con vontade de autocrítica, tamén expresou o seu desexo de que a mostra guste pero "espero que se me tendes que poñer a parir, tamén o fagades". Respecto da súa traxectoria, Henrique Mariño resume as orixes de Pazos como un artista "cun pé sumido na terra e un ollo perdido na vangarda", que "amosou dende ben cedo maneiras renacentistas e dotes para as belas artes". Pazos conta con moitos referentes, como o poeta Lois Pereiro ou o pintor Pedro Cano, a quen lle debe o seu interese pola acuarela, coa que leva anos traballando. Porén, nesta mostra Pazos emprega o acrílico e a técnica mixta, coa introdución de xeles e cargas coas que pretende darlle elasticidade, textura, cor e brillo ás imaxes da lonxa da súa adolescencia. En Madrid plasma o smug, o trafego, a fugacidade, o anonimato e os autómatas transeúntes dunha rúa que atravesa Madrid. Para Mariño, "Pazos resulta un artista clásico, aínda que xogue a situar a súa pintura no límite do figurativo".Buscador:
© Concello de Carballo, 2009