Actualidade

TEATRO INFANTIL NO CICLO EN FAMILIA O DOMINGO 20

O grupo carballés Franc3s presenta o seu primeiro disco, "Aislamiento", no marco dos Venres Culturais

O grupo carballés Franc3s presenta o seu primeiro disco, "Aislamiento", no marco dos Venres Culturais

17/02/2011 A programación dos Venres Culturais continúa con dúas propostas ben diferenciadas e destinadas a públicos moi diferentes. O venres 18 de febreiro os espectadores poderán ver o concerto do grupo carballés Franc3s que presenta no auditorio do Pazo da Cultura o seu primeiro disco de longa duración, "Aislamiento". Unha gravación con sons sorprendentes, importantes colaboracións de grupos como Los Planetas, Triángulo de Amor Bizarro, Schwarz e Klaus&Kinski e avalada polas boas críticas coas que os medios especializados deleitan os oídos destes tres galegos. A cita é ás 21.00 horas e o prezo da entrada é de 3 euros, e de 2 euros o prezo reducido. O domingo 20 febreiro é a quenda da compañía Elefante Elegante, que presenta o espectáculo "Tristán cara de can", unha comedia visual e xestual dirixida ao público familiar. Elefante Elegante é unha compañía de raíces galego-portuguesas nacida no ano 2007, que crea espectáculos buscando a fusión de diferentes linguaxes: a danza, o teatro físico, as artes plásticas e as artes visuais. Esta función, de 60 minutos de duración, comeza ás 18.00 horas, o prezo da entrada é de 2,5 euros, e o prezo reducido de 2 euros. A cita é no Pazo da Cultura.

María, Patricia e Alberto, compoñentes de Franc3s, afirman que miran adiante "cun sorriso entre irónico e inocente, pero sobre todo ruidoso", e iso precisamente, ruido, é o que prometen para o seu concerto carballés, cun disco, "Aislamiento", que xorde despois do éxito acadado a nivel nacional coas súas anteriores maquetas e que saíu á venda o pasado 7 de febreiro. A súa música entra no paraugas do alternativo, o indie ou o pop, cun estilo no que xa teñen tocado en Madrid ou Barcelona, ademais de en numerosas vilas galegas. No concerto carballés o público poderá desfrutar do seu minimalismo e caos organizado, e de temas con letras xeroglíficas e orixinais, con cancións como "Me gustaría verte sangrar", "Golpes y resonancias de moluscos", "Absolutamente modernas", "Nosotras tenemos fe en el veneno" ou "Encima de miel". Entre os grupos dos que o grupo bebe, podemos mencionar Triángulo de amor bizarro, con quen teñen tocado en numerosos concertos dende a súa formación, hai uns tres anos, cando uniron os seus camiños na Universidade da Coruña. Ademais, despois de dar o mellor de si no escenario, ao remate estarán no Cosmic Pop Club pinchando música.

No que respecta á oferta de Elefante Elegante, incluída no ciclo En Famila dos domingos, a súa proposta conta a historia de Tristán, que pasa os días ladrando e o seu pequeno sorriso xamais se debuxa nos seus beizos. De tan triste que estaba decide vivir sen corazón e dállo a un paxaro que o leva moi lonxe de alí. Pero un día, dentro dunha misteriosa caixa, aparece unha boneca de trapo que o tentará todo para facer rir a Tristán. Será ela capaz? Como nos debuxos animados, as palabras transfórmanse en xestos nesta comedia visual e xestual. María Torres e Gonzalo Cerqueiro son os responsables da interpretación e dirección da proposta, ademais da súa creación. A pesares de que a compañía foi creada en 2007, o Elefante Elegante iniciouse como proxecto experimental no ano 2000 co nome de Teatro Escondido. Esta iniciativa viaxou durante sete anos por Galicia, Bélxica e Portugal, e del facían parte actores e actrices de diferentes países europeos. A súa interpretación baseábase no xogo corporal co obxectivo de construír unha linguaxe teatral universal. Eses anos experimentais foron fndamentais para facer de Elefante Elegante o que é hoxe en día, con actuacións en Galicia, Portugal, Bélxica, Suiza, Francia e Italia.

Volver

© Concello de Carballo, 2009