27/07/2010 O Circuíto de Motor de Bértoa acolle a próxima fin de semana unha nova proba, tan só unhas semanas despois da celebración por todo o alto da cuarta proba puntuable para o Campionato de España da modalidade de autocross nesta tempada. Neste caso trátase do II Autocross Bergantiños, organizado pola Escudaría Bergantiños Motor en colaboración do Concello e coa axuda de Escudaría La Coruña, EcoQuad Galicia, Remontes 4x4 e Protección Civil. O sábado 31 de xullo a partir das 10.00 horas comezan as verificacións técnicas, aínda que, segundo a organización, as carreiras principiarán cara ao mediodía, nunha proba dunha soa xornada. Está previsto que participen pilotos especialmente de Galicia, pero tamén da zona e incluso con solicitudes de participación dende Zamora. Bergantiños Motor espera de que aquí a que remate o prazo de inscrición, o xoves 29, poida chegarse aproximadamente aos 60 inscritos. A proba acolle as categorías 4x4, unha das máis espectaculares, II, IIA e Carcross.
O Xerente do Padroado Deportivo Municipal, Francisco García Bello, fixo fincapé no bo estado das instalacións, xa que "o circuíto está gañando cada día en seguridade, estética e funcionalidade especialmente grazas ás escudarías". Tamén subliña o feito de que os pilotos sempre manifestan a súa satisfacción polo circuíto "algo digno de mención aínda que haxa que seguir traballando". No mesmo sentido pronunciouse Kiko Rojo, da Escudaría Bergantiños Motor: "nós seguimos apostando polo automobilismo cunhas magníficas instalacións". Engadiu que "os pilotos sempre marchan contentos e con gañas de volver". No balance negativo, simplemente lamentou a falta de colaboración por parte da Federación Galega, que impediu "que esta proba formara parte do campionato galego" e tamén suprimiu sen previo aviso outra das probas que ía organizar a escudaría.Buscador:
© Concello de Carballo, 2009