21/07/2010 A Praia de Razo acolle o sábado 24 de xullo a partir das 22.00 horas o V Festival Sereas e Piratas, unha cita xa consolidada para os amantes da música pop, indie e bizarra que este ano, segundo a organización, da un xiro cara os aires electrónicos que ultimamente pegan forte no panorama musical. Entre as novidades hai que subliñar que os concertos terán lugar no Campo de Fútbol situado a carón da explanada co obxectivo "de ofrecer máis seguridade e control sobre a xente", segundo explica José Antonio Deus, presidente da Asociación Cultural Rebeldía, responsable da cita, a pesares de que a entrada segue a ser de balde. Así mesmo, publícase por primeira vez a revista do festival, na que, ademais de recollerse as principais características dos grupos do Sereas e Piratas, tamén hai outros contidos como un artigo de Rober Bodegas ou unha reportaxe sobre moda: un paso máis de cara ao crecemento da cita. Respecto do programa, Rebeldía lamenta informar de que o grupo Olimpic cáese do cartel por unha pneumonía do batería, polo que están buscando substitutos, aínda que permanecen The Requesters ademais de Noise Project, Colectivo Oruga, Bëlop e Lowcos.
Deus explica que na súa quinta edición o festival "segue coa mesma filosofía de tentar facer algo de calidade e para descubrir bandas con proxección de futuro", máis que para traer grupos moi coñecidos e xa consagrados. Asegura que até o momento o obxectivo está cumprido xa que "moitos dos grupos que pasaron por Razo están agora tendo éxito". É o caso, segundo apunta Vanesa Ínsua -tamén de Rebeldía- de Holywater ou Delorean, grupos que pasaron polo Sereas e Piratas e que despois estiveron nun festival de tanto prestixio como o Primavera Sound. "A nós gústanos dicir que somos unha plataforma", subliña Ínsua, xa que "moitos dos grupos que pasan por aquí logo teñen unha proxección importante, e para nós é unha honra". Asegura, así mesmo, "que tamén estamos orgullosos de levar xa cinco anos facendo un festival gratuíto de cultura alternativa". O Concelleiro de Xuventude, Marcos Trigo, manifestou a súa satisfacción por que "unha proposta tan orixinal e alternativa" leve xa cinco anos de andaina, "con apostas interesantes e de calidade".Buscador:
© Concello de Carballo, 2009