21/06/2010 Un total de 13 artistas carballeses e da comarca de Bergantiños participan na exposición Formas-Carballo, unha homenaxe a Luis Seoane, "un dos artistas plásticos galegos máis influíntes e importantes de todos os tempos', en verbas de Mon Lendoiro, un dos integrantes da mostra xunto con Milagros Cotelo Rama, Lola Oviedo, Emilia Rodríguez de las Heras, Mª José Costa 'Chiña', Miguel Anxo Calvo 'O'Mighelo', Fernando Mourón Bouzas, Marilá Gómez Caamaño, Santi Picos, Antonio Taracido, Jacobo Veiga García, Vicky Vilariño e Cristina Castro Santiago. Trátase da terceira ocasión en que as Festas de San Xoán acollen unha mostra creativa de creadores de Carballo e Bergantiños co obxectivo de "fomentar a creación artística" e de que os artistas podan presentar os seus traballos, segundo explica a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro. Os interesados e interesadas en visitar a exposición poden facelo até o 31 de xullo no terceiro andar (sala da baixocuberta) do Pazo da Cultura en horario de 17.30 a 20.30 horas.
Todas as obras presentadas plasman unha visión da obra de Luis Seoane. Este ano celébrase o centenario do seu nacemento e por iso a vontade de Formas-Carballo de abondar na súa figura e realizar unha homenaxe ao seu traballo creativo e de recuperación e modernización da arte. Formado na época da ditadura de Primo de Rivera, fuxido en 1936 e organizador e promotor da vida cultural no exilio, Seoane foi testemuña de excepción dun século XX axitado e convulso. A súa obra como artista gráfico é moi importante: debuxante, gravador, deseñador de libros e obxectos de cerámica, cartelista ou pintor. Xunto con Isaac Díaz Pardo crea Laboratorio de Formas, recoñecido no ano 2008 co Premio Nacional Galego á Iniciativa Cultural. O inestimable labor deste laboratorio reflíctese, entre outras iniciativas, na consolidación, deseño e modernización da cerámica de Sargadelos, a fundación do Museo Carlos Maside ou o proxecto Edicións do Castro.Buscador:
© Concello de Carballo, 2009