Actualidade

NO PAZO DA CULTURA ATÉ O 11 DE ABRIL

Un conxunto de 93 obras conforma a exposición do XII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís

Un conxunto de 93 obras conforma a exposición do XII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís

12/03/2010 O Concello de Carballo vén de inaugurar na sala da Baixocuberta do Pazo da Cultura (terceiro andar) a Exposición do XII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, conformada por un total de 93 obras das 196 fotografías que se teñen presentado ao concurso. Nesta selección atópanse as catro imaxes gañadoras: a que quedou en primeiro posto é 'Toda unha vida', premiada con 700 euros e realizada polo fotógrafo Marcos Rodríguez. O segundo premio, dotado con 450 euros, recaeu na fotografía 'Explosión de cor', presentada por Antonio Iglesias Núñez. O Premio Especial Carballo, que distingue as imaxes centradas no municipio e dotado con 450 euros, recaeu na fotografía 'A ponte', presentada por José López Pérez. Por último, o xurado decidiu conceder un Accésit de 250 euros á fotografía 'La ventana', de Ángel Pérez de León. Esta edición ten rexistrado un total de 76 autores participantes.

A inauguración da exposición contou coa presenza dos premiados, coa excepción de Ángel Pérez de León, que non puido asistir; de varios membros do xurado, como a fotógrafa profesional Mar Casal Pombo ou José Manuel Menéndez Varela, de Senda Nova; dos representantes da familia de Xosé Manuel Eirís, Feliciano Eirís e Luciano Calvo Eirís; da Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro; e do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. O gañador do primeiro premio, Marcos Rodríguez, quixo subliñar a importancia que para el ten a foto, xa que "reflicte moito de onde imos e da situación actual". A imaxe, feita en Santa Mariña (Camariñas) recolle a un matrimonio María, de 89, e Xosé, de 91 anos, na cociña da súa casa. Para Rodríguez, trae lembranzas da "casa da miña avoa", pero tamén de moitas das casas dos avós e avoas dos presentes na inauguración e dos habitantes da zona.

Feliciano Eirís quixo agradecer ao Concello a organización dun Certame en lembranza do seu irmán, e afirmou que "alá onde estea seguro que está contento por todo isto". Evencio Ferrero felicitou ao xurado polo seu traballo, especialmente ante a dificultade de escoller entre 196 imaxes. Agradeceu, á súa vez, a colaboración da familia Eirís no concurso, xa que "Xosé Manuel seguro que segue vivo nestas fotografías" e desexou "que esta lembranza se poida facer durante moitos anos". O Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís pretende contribuír á creación artística e a fomentar a divulgación da fotografía e ten lugar dende o ano 1997. A súa denominación provén do recoñecemento que o Concello e as entidades culturais queren render a unha persoa vinculada ao mundo cultural e artístico de Carballo e de Galicia, preocupada pola recuperación e promoción do patrimonio cultural e pola implicación da cidadanía.

Os interesados e interesadas en visitar esta mostra poden facelo na sala de exposicións situada na baixocuberta do Pazo da Cultura (no terceiro andar), en horario de 18.00 a 21.00 horas. Tamén se pode consultar a fotografía gañadora nesta mesma nova.

Volver

Documentos relacionados

Ligazóns relacionadas

© Concello de Carballo, 2009