Actualidade

O PRAZO DE PRESENTACIÓN REMATA O 11 DE FEBREIRO

O Concello convoca a XII edición do Certame Fotográfico 'Xosé Manuel Eirís'

O Concello convoca a XII edición do Certame Fotográfico 'Xosé Manuel Eirís'

10/12/2009 O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Belén Lendoiro, convoca a XII edición do Certame Fotográfico 'Xosé Manuel Eirís'. Trátase dun concurso que pretende contribuír á creación artística e a fomentar a divulgación da fotografía e que ten lugar dende o ano 1997. A denominación de 'Xosé Manuel Eirís' para o certame provén do recoñecemento que o Concello de Carballo e as entidades culturais do municipio queren render a unha persoa vinculada ao mundo cultural e artístico de Carballo e de Galicia, preocupada pola recuperación e promoción do patrimonio cultural e pola implicación da cidadanía. Os interesados e interesadas en participar no concurso deben presentar as súas propostas antes do 11 de febreiro de 2010.

A dotación total do concurso é de 1.850 euros en premios, repartidos nas seguintes categorías:
  • Primeiro premio: 700 euros e diploma.
  • Segundo premio: 450 euros e diploma.
  • 'Premio Especial Carballo' á mellor fotografía que faga referencia directa ao municipio de Carballo en calquera dos seus aspectos: 450 euros e diploma.
O xurado tamén poderá conceder accésits por un importe total de 250 euros. Cada autor ou autora poderá presentar un número máximo de tres obras. As fotografías realizaranse en branco e negro ou cor e o tema das imaxes é libre.

A presidencia do xurado será asumida polo Alcalde do Concello de Carballo ou persoa en quen delegue. A composición do xurado, que non se fará pública ata o día do fallo, contará coa presenza de persoas vinculadas ao eido da fotografía e da imaxe, dun representante das asociacións culturais de Carballo e dun ou máis representantes do Concello de Carballo. O Concello realiza habitualmente unha exposición cos traballos presentados no prazo de catro meses dende a data do fallo do xurado.

Os traballos poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Carballo, no Rexistro auxiliar de Cultura ou por correo certificado en sobre pechado no que deberá presentarse toda a documentación necesaria, facendo constar no remite o pseudónimo empregado, xa que todas as obras se presentan baixo alcume. Os interesados e interesadas en consultar as bases polo miúdo, poden facelo nesta mesma nova.

Volver

© Concello de Carballo, 2009