O Concello de Carballo a través da Concellaría de Planificación e Desenvolvemento Urbano, informa de que o despois dun longo proceso para actualizar o planeamento urbanístico do Concello de Carballo, o pleno da corporación ratificou o 10 de xaneiro de 2013 a
aprobación inicial dun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Despois da publicación da resolución no DOG (Diario Oficial de Galicia) o martes 22 de xaneiro de 2013, comeza un período de exposición pública de dous meses, no que tanto os representantes dos partidos políticos, como asociacións ou calquera veciño ou veciña que o desexe, poderá presentar as alegacións que consideren oportunas para incorporalas, de ser estimadas, ao planeamento definitivo.
A aprobación inicial do PXOM leva aparellada, así mesmo, unha
suspensión de licenzas que se aplicará fundamentalmente nos puntos do termo municipal nos que as normas subsidiarias dos anos 80, que están en vigor nestes momentos, entren en contradición co recollido no planeamento.
Exposición do PXOM e consultas no Fórum Carballo
Para facilitar o acceso dos vecinos e veciñas aos detalles do planeamento, o goberno local expón toda a documentación, planos e información incluída no PXOM dende o luns 21 de xaneiro, e ata que remate o período oficial de exposición pública marcado polo DOG, no complexo
Fórum Carballo, no barrio da Milagrosa. Os horarios de
consulta son
de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas, e
martes e xoves de 17.00 a 20.00 horas. A cidadanía poderá falar con técnicos e expertos para aclarar as súas dúbidas.
Así mesmo, o goberno celebrou dende o luns 21 de xaneiro e até o 4 de febreiro unha serie de
xuntanzas nas parroquias do municipio -un total de 13 reunións para cubrir as 17 parroquias- para informar aos veciños e veciñas da situación recollida no PXOM para cada unha delas.
Por último, o Concello pon a disposición dos veciños e veciñas tanto un impreso tipo para presentar as alegacións que consideren oportunas -até o venres 22 de marzo, cando acaba o período de exposición pública-, como toda a información do PXOM a través dun acceso completo ao documento para a aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Carballo. Os dous documentos están dispoñibles en pdf en
'LIGAZÓNS RELACIONADAS'.
Atención xeral ao público
A Oficina Técnica municipal está ao servizo dos cidadáns para resolver calquera tipo de dúbida relacionada co urbanismo, a execución de proxectos de edificación ou o ordenamento. É este departamento o encargado de informar acerca dos
permisos para a execución de
obras particulares en todo o termo municipal.
Os cidadáns e cidadás que o desexen poden realizar as súas
consultas na Área de Urbanismo de luns a venres. O horario de atención para aspectos xerais e solucionar dúbidas cos técnicos é de 10.00 a 13.00 horas.
Os temas específicos serán atendidos polos técnicos municipais entre as 10.00 e as 13.00 horas os martes e os xoves. Neste caso os interesados/as deberán solicitar unha cita previa na mesma Oficina Técnica ou enviando un correo electrónico personalizado a través do formulario de Cita Previa, que se pode descargar nesta mesma sección.
*Hai que subliñar que todas as consultas relacionadas co documento para a aprobación inicial do PXOM deben realizarse no complexo Fórum Carballo nos horarios habilitados para tal fin.
Ligazóns relacionadas