O Concello de Carballo está comprometido co ensino, polo que asume como prioridade todas as competencias que lle corresponden en materia educativa e ofrécelles aos centros escolares todos os recursos dos que dispón, ademais doutras propostas e actividades. En colaboración coas demais administracións competentes en materia educativa, atende ás súas obrigas con respecto aos centros de ensino.
En concreto, a Concellaría de Educación pretende
fomentar a educación para a diversidade e a formación integral das persoas, intentando favorecer a
participación cidadá con dinámicas de reflexión compartida. A Concellaría pretende o desenvolvemento das funcións educativas das persoas, dos servizos e do propio Concello, vendo a administración local como a articulación entre os diversos espazos de aprendizaxe.
Consello Escolar Municipal
Ademais, Carballo quere ser un referente básico para a formación da
conciencia cívica e quere implicar aos colectivos sociais relacionados coa elaboración e execución da política educativa municipal, polo que se creou o Consello Escolar Municipal de Carballo (CEMC) -constituído o 8 de maio de 2008- e que supón un importante instrumento de expresión directa da cidadanía, que aumenta o grao de implicación dos cidadáns e das cidadás ao facer posible a súa participación na toma de decisións que, neste caso, teñen que ver co ensino.
O Consello Escolar Municipal subliña a representatividade das e dos protagonistas directos da acción educativa para asegurar a fluidez de
comunicación cos consellos escolares de centros e acadar, por outra banda, un alto nivel de interlocución co propio goberno municipal, co obxectivo de buscar entre todos e todas (a institución municipal, profesorado, alumnado, nais, pais, etc.) un ensino de calidade.
O CEMC configúrase como un organismo de asesoramento, consulta, proposta, información e participación sobre o ensino non universitario no ámbito territorial do Concello.