Concello de Carballo

Logotipo Concello de Carballo

Participando: os concellos e a mocidade

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Xuventude que dirixe Marcos Trigo, forma parte do proxecto europeo 'Participando: os concellos e a mocidade', unha iniciativa cofinanciada polo programa 'Mocidade en acción' que ten como obxectivo fomentar a participación activa dos mozos e mozas na vida da súa comunidade local, favorecendo a creación dun espírito de corresponsabilidade e a colaboración entre a xente nova e os responsables políticos. O proxecto reúne a 24 mozos e mozas de Carballo e de Turín e Tortona (Piamonte-Italia) de entre 18 e 30 anos para reflexionar en conxunto sobre a importancia da participación a nivel local como unha ferramenta para o fortalecemento da democracia europea. Os participantes desenvolverán diversas actividades, entre as que destaca a celebración dun obradoiro en Carballo que inclúe encontros cos órganos municipais e entrevistas con políticos e asociacións locais.

FORTALECEMENTO DA DEMOCRACIA EUROPEA


'Participando: os concellos e a mocidade', ten como obxectivos concretos reflexionar sobre a importancia da participación a nivel local como unha ferramenta para o fortalecemento da democracia europea, pero tamén contribuír a identificar os obstáculos á participación da xente nova e desenvolver respostas que axuden a superar eses obstáculos; intercambiar información, ideas e puntos de vista sobre temas de interese común para a xente nova de España e Italia; recompilar experiencias e intercambiar análises sobre os procesos e mecanismos de participación dos mozos e mozas nos municipios; animar ao diálogo e achegar á xente nova cos responsables políticos; contribuír á identificación, diseminación e transferencia de ferramentas e mecanismos para a participación local da mocidade a nivel europeo; ou identificar as necesidades e expectativas de maneira que se logre mellorar os mecanismos de participación xuvenil existentes e avaliar a posibilidade de crear uns novos.

En canto ás actividades previstas, ademais do xa mencionado obradoiro, hai que subliñar outras. Así, terán lugar xuntanzas virtuais para a posta en común das experiencias atopadas, cuxas conclusións e boas prácticas serán publicadas ao final do proxecto; establecerase dunha rede de intercambio virtual, entre os actores involucrados no proxecto para que exista un intercambio regular de información, discusión e formulación de propostas; e tamén está prevista unha visita a Italia para ver de primeira man os mecanismos de cooperación xuvenil en asociacións de Turín e Tortona co obxectivo de ter unha experiencia real e poder verificar o que se está a facer noutros lugares onde xa teñen experiencia no desenvolvemento de mecanismos de participación cidadá.

NOVAS:

O Concello invita aos mozos e mozas a inscribirse na iniciativa 'Participando: os concellos e a mocidade'

O grupo de carballeses do proxecto 'Participando' estivo intercambiando experiencias en Turín e Tortona entre o 13 e o 17 de xullo

Ligazóns relacionadas

Buscador:



© Concello de Carballo, 2009