Concello de Carballo

Logotipo Concello de Carballo

Lingua

Carballo dispón dun Servizo Municipal de Normalización Lingüística, indispensable no proceso de recuperación e dinamización do galego. O obxectivo principal deste departamento pasa por incrementar o uso e o prestixio da nosa lingua en todos os ámbitos do termo municipal.

O Concello quere demostrar o seu compromiso co idioma propio prestando especial atención ao proceso de normalización. Este labor comezou dende o seo da administración, coa galeguización dos seus servizos. A aposta contempla ademais a creación de programas dirixidos á poboación, entidades asociativas e empresariais do municipio. Deste xeito conseguirase a implicación progresiva de todos os colectivos neste proceso.

Servizo de Normalización Lingüística
Pazo da Cultura. Rúa do Pan, s/n.
C.P. 15.100 - Carballo
Teléfono 981 704 304
Fax 981 704 302
normalizador@carballo.org

Dinamización lingüística

O proceso de normalización do galego debe conformarse como un proxecto social que compile as accións e vontades da cidadanía, das organizacións e das institucións. Activarase así un proceso participativo, democrático e construtivo.

Dende o SNL de Carballo queremos poñer en marcha programas destinados a conseguir a implicación progresiva de todos os colectivos neste proceso. Para acadar este obxectivo desenvolvemos funcións como:

  • Promover actuacións encamiñadas a dinamizar o uso do galego nas actividades cotiás da cidadanía, en todos os eidos. Prestaráselle especial atención á poboación máis nova e ás organizacións.
  • Propoñer programas dinamizadores e actividades concretas que conciencien ao persoal e á sociedade respecto ao uso da lingua galega.
  • Propiciar e xestionar liñas de información e axuda dirixidas á rede asociativa, empresarial e educativa para fomentar o uso do galego.
  • Promover e coordinar grupos de persoas interesadas na normalización. Estes funcionarán como axentes normalizadores entre a cidadanía.

Formación sociolingüística

O proceso de normalización require tamén de intervencións formativas, tanto lingüísticas como sociolingüísticas. A través delas ensínalles galego ás personas que non o coñecen e amplíanse entre a cidadanía diversos coñecementos. Estes xiran arredor da lingua, os dereitos lingüísticos, lexislación, accións normalizadoras, proxectos para a recuperación do galego, etc.

Algunhas das accións desenvolvidas neste senso polo SNL son:
  • Difusión de materiais que contribúan á tarefa normalizadora: dereitos lingüísticos, lexislación, recursos lingüísticos que axuden ao traballo en galego, etc.
  • Xestión da realización de cursos de lingua galega para a poboación en xeral.
  • Detección das necesidades formativas do cadro de persoal do Concello. En base a este estudo deseñouse un programa de formación lingüística que atende aos coñecementos, usos e actitudes dos/as traballadores/as e os perfís establecidos para cada posto de traballo.
  • Colaboración no deseño de programas de formación -non lingüística-. Garántese así a presenza nos mesmos do galego e de contidos favorables á mellora das actitudes lingüísticas.

Asesoramento lingüístico

A función básica do SNL é a de facer progresar a lingua, incrementar o seu uso na organización e mellorar a calidade da comunicación. Desenvolvemos, por tanto, actuacións destinadas a dotar de prestixio o galego. Para iso cómpre intervir ademais sobre a propia lingua e as súas aplicacións. Neste último aspecto, promovemos as seguintes accións:

  • Mellorar a calidade lingüística e comunicativa dos textos escritos.
  • Normalizar a imaxe lingüística da organización.
  • Fixar criterios lingüísticos propios da organización.
  • Ofrecer asesoramento lingüístico.
  • Elaborar documentos - modelo do organismo -formularios, cartas, actas, nóminas, facturas, etc.-.

Se tes algunha dúbida sobre estes servizos ou desexas obter información adicional podes poñerte en contacto do SNL a través deste mail: normalizador@carballo.org.

Ligazóns relacionadas

Documentos descargables

Buscador:



© Concello de Carballo, 2009