Conservatorio Profesional de Música
O Conservatorio profesional de música de Carballo ten as súas instalacións no Pazo da Cultura, é de titularidade municipal e nel impártense as materias comúns para o grao elemental e medio das disciplinas de piano, guitarra, violín, viola, violoncello, contrabaixo, gaita galega, saxofón, clarinete, óboe, frauta traveseira, trombón, tuba, bombardino, trompeta, filles corno, fagot, percusión e acordeón. O Conservatorio organiza actividades, como o programa de actuacións de Xoves Intérpretes e ofrece ademais a posibilidade de que o seu alumnado se incorpore á Banda de música municipal, á Big Band ou á Banda municipal de gaitas.
A Banda de música municipal naceu no ano 1984 baixo a dirección de Vicente Pérez Planells; despois de dous anos o seu director pasou a ser José Barros Sada, até o 96, e na actualidade volve a ser o propio Vicente Pérez Planells. Conta con máis de cincuenta membros. Desde a súa creación realizou actuacións por toda Galicia, gravacións para a Radio Galega, no ano 1999 gravou un disco con temas e estilos moi diversos e no 2000 gañou o concurso de Xoves intérpretes da Xunta de Galicia, cun concerto que se recolle nun disco editado pola propia Xunta.
A Big Band do Conservatorio de música de Carballo creouse no ano 1993, cando un grupo de alumnos e alumnas do Conservatorio, moitos/as deles/as profesionais da música, acordaron formar unha gran banda de swing. Está integrada por unha vintena de compoñentes que tocan instrumentos de vento-metal, vento-madeira e percusión. A banda está dirixida por Marcial Figueroa Rodríguez. En 1999 gravou un disco que é unha mostra da alegre música de baile dos anos 40 e 50 próxima ao swing e ao jazz.
A Banda municipal de gaitas creouse no 1999 da man de Mario Seoane Blanco. Na actualidade está coordinada e dirixida por Jesús Moreira Castro e integrada por máis de trinta membros.
O horario de clases é de luns a venres de 17.00 a 22.00 horas. Os sábados, de 10.30 a 14.00 para o ensaio da Banda de música municipal.
AVISOS:
Horarios oficiais e distribución das aulas do Conservatorio Profesional de Música de Carballo para o curso 2012-2013
Voltar Educación