Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

O Consello Parroquial de Rus celebrou a súa primeira xuntanza no renovado centro social de Ramil

Nas vindeiras semanas tamén rematarán as obras de acondicionamento do local do Outón

Sábado 28 de abril do 2018

O Consello Parroquial de Rus reuniuse o venres pola noite

O Consello Parroquial de Rus reuniuse o venres pola noite

No centro social de Ramil faltan algúns detalles, como a colocación de pedra na rampla de acceso ou unha varanda protectora, pero o groso da obra está rematado. De feito, o Consello Parroquial de Rus xa puido celebrar a súa primeira xuntanza no edificio, que parece outro tras a importante reforma realizada. Na mesma parroquia estase a traballar ademais no centro social do Outón, que quedará listo tamén nas vindeiras semanas.

O Consello Parroquial de Rus reuniuse este venres. Na xuntanza, presidida polo alcalde e na que participaron representantes dos grupos políticos, basicamente fíxose un repaso á situación das distintas propostas e peticións que foron xurdindo nas reunións anteriores.

Sobre a rede viaria, Evencio Ferrero apuntou que os traballos de asfaltado de todas as vías municipais quedaron suspendidos polo mal tempo e que se retomarán a partir do 15 de maio. A veciñanza presentou queixas polo estado das cunetas en Ferrol e Barís, onde quedaron importantes desniveis e xa se produciron accidentes de tráfico. Así mesmo, solicitaron a reparación dalgunhas fochancas provisionalmente, ata que se acometa o asfaltado.

O Consello Parroquial de Rus examinou sobre o plano a situación dos terreos que lindan coa estrada provincial

O Consello Parroquial de Rus examinou sobre o plano a situación dos terreos que lindan coa estrada provincial

En materia de seguridade viaria hai varias actuacións sobre a mesa. Nesta reunión xurdiu a necesidade de regular o aparcamento na vía de acceso a Unemsa, moi utilizada por camións. E tamén se deu conta da visita de técnicos da Deputación para estudar a proposta de construción de beirarrúas na estrada provincial ata a zona da igrexa. O alcalde informou de que a Deputación comprométese a facelas por unha beira sempre e cando conte coa cesión do solo por parte da propiedade. Neste punto debateuse sobre a conveniencia de que realice as xestións a parte veciñal ou a política, así coma sobre por cal das dúas beiras debería ir a senda.

Outra infraestrutura con moita demanda é o saneamento. Evencio Ferrero informou de que os de Outeiro de Arriba e Casal de Perros xa están adxudicados, polo que empezarán en breve, e que tamén se está a traballar nos proxectos de Ribeira e Betrís. Tamén deu conta de que a retirada do cableado da contorna da igrexa, outra demanda do Consello Parroquial, está incluída xa nos orzamentos deste ano.

A veciñanza de Rus tamén amosara en anteriores xuntanzas moito interese pola participación no programa de microtoponimia que quere levar a cabo a Real Academia Galega en toda a comunidade. Despois de facer as consultas pertinentes, o alcalde informoulles de que o proxecto está pendente de financiamento e expresou a vontade do Concello de Carballo de colaborar.



Galería

Compartir: