Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

O Consello Parroquial de Sísamo fíxase como novos obxectivos a ampliación do local social e a pavimentación do lugar do Vilar

Venres 27 de abril do 2018

O Consello Parroquial de Sísamo reuniuse o xoves pola noite

O Consello Parroquial de Sísamo reuniuse o xoves pola noite

No Consello Parroquial de Sísamo falouse, como en todos os anteriores, sobre a travesía. O acondicionamento da vía provincial que comunica o casco urbano de Carballo coa parroquial é unha actuación que, como se lembrou na xuntanza celebrada este xoves, levaba esperando 30 anos ou máis, pero que nos últimos tempos colleu impulso e por fin estase a converter en realidade. Pero agora que esa vella reivindicación vai tomando forma, a veciñanza pensa xa en novos obxectivos, e nos que máis insistiron foi na pavimentación do lugar do Vilar e na ampliación do local social.

Con respecto á primeira solicitude, o alcalde, que presidiu o Consello Parroquial, explicou que desde o goberno municipal trátase de estender as actuacións de pavimentación con cemento que se realizou, a raíz das indicacións da Dirección Xeral de Patrimonio, en Cances Grande. Pero tamén dixo que antes de actuar no Vilar, onde vén de realizarse o asfaltado e as vías están en bo estado, hai que facelo noutros lugares nos que as rúas están en peor estado. De todos os xeitos, Evencio Ferrero comprometeuse a elaborar o proxecto para coñecer o importe das obras e “incorporalo para a súa execución cando se poida, porque todo a un tempo é imposible facelo”.

En canto á segunda, todos os presentes coincidiron en que o centro social actual queda pequeno para a actividade da asociación de veciños. Aínda que se puxeron sobre a mesa todo tipo de propostas, desde construír un soto baixo a pista deportiva, cubrir a pista, ampliar o edificio actual ou mesmo construír un novo, a decisión quedou pendente, en primeiro lugar, de coñecer as posibilidades urbanísticas da parcela na que se sitúa o local actual. A partir de aí estudaranse todas as opcións. O alcalde reiterou o ofrecemento do Concello de Carballo para continuar coa política de adquisición de solo de equipamentos a medias coa veciñanza das parroquias.

No Consello Parroquial de Sísamo participaron, ademais do alcalde, Maica Ures, en representación do BNG; Ana Casais, do PP; Andrés Eirís, de TeGa, e José Luis Cotelo, do PSOE.

Compartir: