Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

“Carballo na memoria” percorre as parroquias para seguir ampliando o fondo fotográfico histórico do noso concello

Rebordelos foi a primeira parada do equipo encargado de dixitalizar as imaxes, e a próxima será o 1 de decembro en Lema

Venres 24 de novembro do 2017

Quen máis e quen menos ten gardada nun álbum, nun caixón ou no medio dun libro algunha foto antiga. Do día da festa, dunha nevada, do grupo de alumnos/as da escola... o motivo é o de menos, o de máis é que todo ese material gráfico non se perda, porque forma parte da nosa historia. Coa intención de recuperalo como ben de interese público, o Concello de Carballo puxo en marcha hai xa algúns anos o proxecto Carballo na memoria. Comezou cunhas 70 fotografías, e agora xa hai máis de 1.000. Pero queremos que sexan moitas máis, e por iso vimos de poñer en marcha unha campaña de recuperación de imaxes antigas en todas as parroquias.

Veciños e veciñas de Rebordelos achegáronse ata a vella escola de Noicela

Veciños e veciñas de Rebordelos achegáronse ata a vella escola de Noicela

A primeira parada foi Rebordelos. Este xoves xuntáronse na antiga escola de Noicela un grupo de veciños e veciñas para facer as súas achegas. Para garantir a conservación do material, nesta fase do proxecto as persoas que estean interesadas en participar deben acudir aos lugares fixados coas súas fotografías, que serán escaneadas e devoltas aos seus propietarios/as no momento, xunto cunha copia en formato dixital. Cada parroquia contará cun apartado propio dentro da páxina web www.carballonamemoria.org, pero de cara ao futuro tamén se pretende amosar todo ese fondo documental recuperado a través de exposicións.

A próxima cita será o día 1 de decembro en Lema ás 20 horas. Todas as persoas que queiran colaborar deberán achegarse ata o local social coas súas fotografías.

Paralelamente, Carballo na memoria chega tamén á escola. O CEIP Fogar colabora na recollida de imaxes antigas entre o alumnado, cun sistema moi semellante. Os nenos/as levarán as fotos ao colexio e volverán a levalas para a casa despois de que sexan escaneadas. Do mesmo xeito, calquera outro centro educativo, entidades e particulares que queiran participar teñen as portas abertas. Abonda con poñerse en contacto cos responsables do proxecto a través do enderezo electrónico info@carballonamemoria.org.

Compartir: