Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

O Centro Social de Ardaña abriu as súas portas para celebrar o tradicional magosto da asociación veciñal

O alcalde e os concelleiros Marcos Trigo e Luis Lamas acompañaron á veciñanza nunha xornada festiva multitudinaria

Domingo 12 de novembro do 2017

O Mago Álex foi un dos protagonistas da festa

O Mago Álex foi un dos protagonistas da festa

Tal como estaba previsto, a Asociación de Veciños Santa María de Ardaña puido celebrar este sábado o seu tradicional magosto no novo Centro Social. O edificio abriu as súas portas por primeira vez para acoller unha festa multitudinaria na que non faltou de nada nin faltou ninguén. O enorme salón de actos encheuse, e foi preciso colocar mesas noutras dependencias e mesmo no soportal. O alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros Marcos Trigo e Luis Lamas tamén se achegaron ata Ardaña para compartir coa veciñanza unha tarde de diversión e maxia grazas á actuación do Mago Álex, que en poucos minutos xa tiña ao público no peto.

A parroquia de Ardaña comezou a desfrutar deste xeito do seu Centro Social, xa que será o movemento asociativo o encargado da súa xestión, como no resto das parroquias. O edificio está rematado pero falta parte do mobiliario e do equipamento, polo que o inicio da actividade diaria non será inminente.

A construción do Centro Social de Ardaña, que se suma á cada vez máis ampla rede de centros sociais nas parroquias, foi financiada integramente con fondos municipais cun total de 311.333 euros. O inmoble está situado nunha parcela de 2.556 m2 adquirida a medias entre o Concello de Carballo e a parroquia, utilizando o modelo de colaboración que tan bos resultados está a dar na consecución de novas infraestruturas e servizos para o rural.

En canto ao proxecto, o arquitecto carballés Fernando Añón, que tamén se achegou ata a festa, deseñou un edificio de 417,09 metros cadrados (368,31 útiles) que se distribúen entre o soto, que alberga as instalacións e un almacén, e a planta baixa, que acolle unha sala multiusos de 116,12 metros cadrados, un salón social, un aula, o vestíbulo, 4 aseos, almacén e un soportal de 68,21 m2. A actuación tamén incluíu a instalación dun tabique móbil acústico para flexibilizar o uso do salón principal, unha tarima de escenario e parte do mobiliario, ademais da urbanización dunha superficie de 900 m2 no exterior.



Galería

Compartir: