Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

O Consello Parroquial de Bértoa toma a iniciativa na compra dun terreo a medias co Concello para construír un centro social

Os veciños establecerán a prioridade de arranxo das pistas para incluílas no plan municipal de aglomerados que está en marcha

Xoves 28 de setembro do 2017

O alcalde preside todos os consellos parroquiais

O alcalde preside todos os consellos parroquiais

O Consello Parroquial de Bértoa segue considerando que a construción dun centro social é a prioridade. Por iso, despois da asemblea veciñal celebrada recentemente, na xuntanza cos representantes municipais que tivo lugar onte pola noite puxeron sobre a mesa as distintas opcións. A posibilidade de utilizar os terreos correspondentes á cesión que terán que realizar os promotores da urbanización próxima ao polígono industrial quedou descartada, xa que ata que esa bolsa de solo se desenvolva urbanisticamente o Concello de Carballo non ten propiedade algunha nin pode actuar nese ámbito. Nese sentido acordouse que os servizos xurídicos elaborarán un informe sobre a situación dese solo.

A alternativa, polo tanto, é a adquisición dunha parcela. O Consello Parroquial de Bértoa realizou unha oferta pública e conseguiu 3 posibles terreos, dos que só un cumpriría as condicións precisas para acometer un proxecto dese tipo. Aínda así, dado que é solo rústico e sería precisa unha recualificación, na xuntanza acordouse formalizar unha opción de compra e facer unha campaña informativa en toda a parroquia para acadar o máximo número de apoios posibles. O Concello de Carballo, como no resto das parroquias, pagará a metade do que custe o solo, os gastos de proxectos e as obras do centro social.

A secretaria do consello, que estaba de aniversario, convidou a bombóns

A secretaria do consello, que estaba de aniversario, convidou a bombóns

O Consello Parroquial presentou tamén varias propostas para incluír no plan de aglomerados que está a acometer o Concello de Carballo. Neste sentido, o alcalde pediu que sexa a propia veciñanza a que estableza as prioridades e decida cal é a primeira obra que se acomete no 2018.

A xuntanza, á que asistiron representantes do BNG, TeGa e PSOE, serviu tamén para facer un rápido repaso a outras cuestións: alumeado público, limpeza de cunetas, melloras na escola das Carballeiras, extensión do saneamento... A veciñanza interesouse, así mesmo, polo estado das xestións para desenvolver o paseo comarcal do río Anllóns e pediu ao Concello de Carballo que envíe, no nome do Consello Parroquial, unha solicitude á Xunta de Galicia para o acondicionamento do refuxio de Queo.

Compartir: