Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.org

O Consello Parroquial de Razo propón unha serie de actuacións encamiñadas a favorecer o crecemento urbanístico

Evencio Ferrero anunciou na xuntanza que o Concello está traballando nos pregos para licitar a elaboración dos plans especiais de Razo e Baldaio

Mércores 5 de abril do 2017

No Consello Parroquial de Razo producíronse 12 altas nesta primeira xuntanza

No Consello Parroquial de Razo producíronse 12 altas nesta primeira xuntanza

O Consello Parroquial de Razo considera que a parroquia debe ter un maior crecemento urbanístico, sobre todo de cara á promoción turística, e nesa dirección foron boa parte das propostas presentadas na xuntanza do martes. O alcalde explicoulles que, dentro do PXOM, a ordenación dos ámbitos de Razo e Baldaio quedou supeditada á posterior elaboración de cadanseu plan especial. Nestes momentos o Concello de Carballo está traballando nos pregos para sacar a licitación a redacción dos plans, que, igual que se fixo co PXOM, expoñeranse ao público e poderán facerse alegacións. De todos os xeitos, insistiu en que a última palabra correspóndelle á Xunta, e nese sentido lembrou que o documento consensuado pola corporación e enviado a Santiago non foi o mesmo que se aprobou finalmente debido, precisamente, ás modificacións que obrigou a facer a Consellería de Ordenación do Territorio.

A veciñanza tamén quere que se arranxe a vía de Porriños e que se tomen medidas para evitar novos derrubamentos, e nese sentido pediron que o Concello de Carballo “presione” a Costas para actuar. Tamén propuxeron mellorar a accesibilidade á praia e aos aseos, buscar un emprazamento alternativo ao aparcamento para as autocaravanas, un paseo marítimo de Razo a Baldaio, rematar o carril bici de Carballo a Razo, instalar mesas e bancos de pedra na zona de xardín e potenciar o surf. Tamén se interesaron pola recuperación da bandeira azul e polo control dos vertidos á praia, para os que pediron sancións.

Á parte dos aspectos relacionados co turismo, entre as numerosas peticións recollidas na xuntanza do martes tamén figuran melloras viarias, beirarrúas, colectores, cursos e actividades varias, sinalización, reposición de puntos de luz, un parque biosaudable para as persoas maiores ou a substitución dos equipos informáticos do local social, entre outras.

Compartir: