Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.org

O Consello Parroquial de Bértoa márcase como primeiro obxectivo a construción dun centro social

A veciñanza amosou o seu interese pola prolongación do paseo do río Anllóns ata A Cheda

Xoves 30 de marzo do 2017

O primeiro obxectivo do Consello Parroquial de Bértoa será a construción dun centro social. Por parte do Concello de Carballo, tal como expuxo o alcalde na xuntanza de onte, as condicións serían as mesmas que para o resto das parroquias: a veciñanza tería que pagar a metade do custe do terreo, mentres que o Concello poría o outro 50%, ademais de pagar os gastos derivados da compra, facer o proxecto e construír o edificio. Agora corresponde aos veciños e veciñas escoller o emprazamento e negociar a adquisición da finca, como xa están facendo tamén na parroquia de Goiáns.

Evencio Ferrero expresou a súa satisfacción polos proxectos de dinamización que están a xurdir nas parroquias, e insistiu en que dende o Concello de Carballo apoiaranse todos os investimentos en infraestruturas que teñan garantido o seu uso. No caso de Bértoa, onde funcionan varias entidades e o propio Consello Parroquial demanda un lugar para celebrar as xuntanzas veciñais, o local actual da parroquia queda pequeno. Estamos a falar, ademais, dunha parroquia que medra en poboación.

O alcalde ofreceu información sobre varios proxectos en marcha na parroquia, entre eles a senda peonil e ciclista que unirá as rotondas do polígono e a entrada o comezo da rúa Gran Vía por unha das marxes, pero xa anunciou a intención do goberno municipal de asinar un convenio coa Xunta de Galicia, titular da vía, para actuar tamén na outra beira, de xeito que o Concello de Carballo se comprometería a asumir despois o mantemento dese treito da estrada comarcal. En materia de comunicacións viarias, Evencio Ferrero explicou que dentro do PXOM está prevista a prolongación da rúa Vila de Negreira ata Bértoa e que a guinda sería a construción da circunvalación sur de Carballo por parte da Xunta de Galicia, porque “que é unha necesidade –dixo- está claro”.

Máis sendas para camiñar

Os veciños e veciñas manifestaron gran interese no desenvolvemento de proxectos de mobilidade, dende a prolongación da futura senda peonil e ciclista ata Queo de Abaixo “polo menos” ata a continuación do paseo do río Anllóns dende A Ponte de Bértoa ata A Cheda, seguindo a Ruta dos Muíños do Pan. Así mesmo, consideran que o refuxio de Queo, de titularidade da Consellería de Medio Ambiente, necesita unha intervención urxente, dado o seu abandono.

Na xuntanza do Consello Parroquial de Bértoa non todo foron peticións de infraestruturas, senón tamén de información. A veciñanza expresou a súa preocupación pola praga da pataca, polos vertidos de purín ao río e pola actualización catastral, dado que xa están chegando cartas aos domicilios. Tanto o alcalde coma o resto dos representantes políticos presentes na xuntanza (asistiron Aurelio Núñez e Belén Insua, polo PP, e Estefanía Canosa, por Terra Galega) comentaron cos asistentes todas estas cuestións.

Compartir: