Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.org

O Consello Parroquial de Rebordelos reitera a necesidade de mellorar os accesos á praia e de habilitar unha zona de paseo

O alcalde de Carballo xa enviou hoxe á Deputación da Coruña unha nova petición de acondicionamento da estrada provincial

Venres 24 de marzo do 2017

O Consello Parroquial de Rebordelos sumou novos membros nos últimos días

O Consello Parroquial de Rebordelos sumou novos membros nos últimos días

Nos consellos parroquiais da zona de Baldaio hai varias peticións coincidentes, pero a que máis se repite é a necesidade de mellorar os accesos á praia. En Rebordelos, en concreto, a veciñanza solicita unha senda peonil e o ensanche da estrada, que nas condicións actuais supón, segundo argumentan, un risco para a seguridade viaria. Dado que se trata dunha vía provincial, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, enviou hoxe mesmo unha carta á Deputación da Coruña trasladándolle a necesidade de actuar nela. De feito, xa é o segundo escrito nese sentido que sae da Casa do Concello nos últimos días, porque esa mesma petición foi presentada en Noicela. Para o goberno local trátase dunha “vía estratéxica”, que debería ser a seguinte que mellorase a Deputación despois da de Sísamo, que está en execución. Nese sentido, o Concello de Carballo estaría disposto a cofinanciar a obra.

A veciñanza solicitou tamén o adecentamento da pista que vai dende o cruceiro de Rebordelos ata a ría pasando polo cámping, unha actuación de difícil execución dadas as limitacións impostas por Costas no espazo natural de Baldaio. Aínda así, dende o Concello de Carballo faranse tamén as xestións oportunas. 

Algunhas das necesidades expostas na xuntanza de onte xa están en vías de solución, como a instalación dun espello e un sinal e a reposición dunha tapa na antiga depuradora do río de Rebordelos. Outras dependen da colaboración veciñal, por exemplo para a instalación dunha marquesiña na parada do autobús escolar, ou de que exista suficiente demanda, como é o caso da organización de determinadas actividades para maiores.

A necesidade de completar as redes de abastecemento de auga e saneamento, e o aglomerado da estrada de Rebordelos tamén figuran entre as propostas cidadás.

Compartir: