Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

De Ninghures e Irma Macías actuarán no XXXVIII Día da Muiñeira de Nemeth

Domingo 2 de xuño do 2019 17:00 horas - Praza do Concello

Como xa é tradición, a asociación cultural Nemeth será a encargada de dar a benvida ao mes de xuño coa celebración da XXXVIII Día da Muiñeira, que terá lugar o próximo domingo.

Ese día os grupos participantes reuniranse ás 17:00 horas, no aparcadoiro do centro comercial Bergantiños para iniciar, arredor das 17:30 horas o seu tradicional desfile a pé pola rúas de Carballo ata chegar á Praza do Concello, onde bailarán todos xuntos a partir das 18:00 horas ao ritmo da Muiñeira de Cances, interpretada polos gaiteiros ata catro veces: a primeira, para que os bailadores/as se familiaricen coa melodía e as tres seguintes para que todos os grupos bailen ao seu son.

Ao remate das actuacións, ás 19:30 horas, o grupo De Ninghures deleitará a todos os/as asistentes coa súa música. Ademais, esta edición contará coa presenza sobre o escenario da cantante de Luar Na Lubre, Irma Macías.

En caso de mal tempo, a entidade trasladará o acto a un polideportivo municipal do concello para celebrar a esta xornada festiva a cuberto. 

Desde a asociación cultural Nemeth, prégase a todos os/as participantes que comuniquen as intolerancias alimenticias que houbera entre os seus membros para adaptar a merenda que se ofrecerá pola tarde ás necesidades de cadaquen. 

Público: Todos os públicos
Entrada: Libre e de balde
Organiza: A.C. Nemeth
Colabora: Concello de Carballo e Protección Civil Carballo

Compartir: