Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Comezan os traballos para a dotación dos vestiarios e do peche do campo anexo das Eiroas

DEPORTE

Comezan os traballos para a dotación dos vestiarios e do peche do campo anexo das Eiroas

Xoves 11 de decembro do 2008

Veñen de comezar esta semana os traballos para a creación de vestiarios, un peche e un muro de contención no campo de fútbol anexo das Eiroas, situado no polígono de Bértoa. A empresa encargada da realización das melloras é Candal SL, que ten un orzamento de contrata de 176.993,96 euros. O prazo de execución previsto para a finalización da actuación é de dous meses e medio.

O Concello retoma o programa 'Aprender para educar' cun novo ciclo de charlas

EDUCACIÓN

O Concello retoma o programa 'Aprender para educar' cun novo ciclo de charlas

Xoves 11 de decembro do 2008

A Concellaría de Educación informa de que o venres 12 de decembro volven as charlas incluídas dentro do programa 'Aprender para educar', principiado a comezos de 2008 e que agora retoma o seu curso. Esta iniciativa, organizada polo Concello de Carballo xunto coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega (ASPG), está dirixida a nais e pais que queiran formarse para aprender, reflexionar e adquirir seguridade diante da tarefa de educar. Ao longo dos meses de decembro e xaneiro haberá un total de tres sesións informativas. Todas no Pazo da Cultura a partir das 20.00 horas.

Luz verde para a contratación do subministro de pavimento de caucho para varios parques infantís

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Luz verde para a contratación do subministro de pavimento de caucho para varios parques infantís

Mércores 10 de decembro do 2008

A Xunta de Goberno Local celebrada o martes 9 de decembro deu luz verde ao expediente de contratación para o 'Subministro de pavimento de caucho en zonas de xogos infantís' do municipio carballés. O obxectivo é a dotación deste material nos lugares onde se atopan máis deterioradas as lousas de caucho actual, especialmente as situadas nos parques infantís existentes na Praza do Concello e no Parque do Anllóns. Con esta actuación o Goberno local espera mellorar estas instalacións. O orzamento base de licitación previsto é de 23.654 euros.

Aprobado o convenio que permitirá a creación dunha Galescola no entorno da estrada de Razo

DESEÑO DO FORUM CARBALLO

Aprobado o convenio que permitirá a creación dunha Galescola no entorno da estrada de Razo

Martes 9 de decembro do 2008

O Goberno carballés, reunido en sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, vén de aprobar o convenio de colaboración entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o Concello para a edificación dunha Galescola no polígono urbano 19 da capital municipal, situado no entorno da estrada de Razo. A Administración Local debe aportar 147.289 euros para a construción do edificio -o 20 por cento do custo total-, mentres que o Consorcio achega os 622.313 euros restantes con cargo aos seus orzamentos.

Os fortes ventos provocan a caída de varias árbores en diversos puntos do municipio

PROTECCIÓN CIVIL

Os fortes ventos provocan a caída de varias árbores en diversos puntos do municipio

Martes 9 de decembro do 2008

O servizo municipal de Protección Civil tivo que atender ao longo da mañá do martes 9 de decembro varias incidencias con motivo dos fortes ventos provocados polo temporal. Así, a comunidade galega atópase en alerta laranxa por "mar de vento" segundo consta no informe do servizo de Emerxencias de Galicia, con especial atención ao mar moi groso nas costas da Coruña e Fisterra. No caso de Carballo, o servizo de Protección Civil tivo que retirar ata catro árbores caídas en estradas, camiños e tendidos eléctricos.

O Telecentro de Carballo xa conta con máis de 400 usuarios rexistrados e 280 persoas teñen participado nos seus obradoiros

PECHE DAS I XORNADAS CARBALLO PORTAABERTA

O Telecentro de Carballo xa conta con máis de 400 usuarios rexistrados e 280 persoas teñen participado nos seus obradoiros

Venres 5 de decembro do 2008

O Telecentro de Carballo, que entrou en funcionamento hai preto de seis meses, xa conta con 403 usuarios rexistrados e un total de 280 veciños e veciñas teñen participado nos seus obradoiros, destinados a promover as novas tecnoloxías entre a poboación do Concello. Así o expresou a Directora Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Elena Veiguela, durante a clausura das I Xornadas Carballo PortaAberta que se teñen desenvolvido precisamente no Telecentro entre o 3 e o 4 de decembro, e que remataron con preto de 50 participantes entre poñentes, concursantes nas olimpíadas e asistentes.

O Himno e a Banda Municipal, protagonistas no peche do 'Novembro con música 08'

CULTURA

O Himno e a Banda Municipal, protagonistas no peche do 'Novembro con música 08'

Venres 5 de decembro do 2008

A exposición 'O Himno. Os tempos son chegados' e a actuación da Banda Municipal de Carballo conforman o peche do programa do 'Novembro con música 08', no que durante un mes teñen participado un total de 20 agrupacións musicais de diferentes estilos e procedencias. Aínda que a mostra sobre a composición máis emblemática para os galegos e galegas permanece no Pazo da Cultura dende o 4 de decembro ata o 7 de xaneiro, a actuación da banda que dirixe José Vicente Pérez Planells supón hoxe -5 de decembro- a fin de catro semanas dedicadas á música.

O Concello prepara a expansión de Internet e as novas tecnoloxías á zona rural do municipio

I XORNADAS CARBALLO PORTAABERTA

O Concello prepara a expansión de Internet e as novas tecnoloxías á zona rural do municipio

Venres 5 de decembro do 2008

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Manuel García Guillín, prepara a expansión dos espazos de acceso a Internet e dos programas de alfabetización e formación nas novas tecnoloxías ata a zona rural do municipio. Despois da posta en marcha dun proxecto que levará a conexión da banda ampla ata a maioría das parroquias no prazo aproximado dun ano, agora o obxectivo é a creación de aulas de informática a través da dotacións de puntos de conexión nos centros sociais existentes ou da creación de novos espazos que permitan que "a xente que non está no casco urbano poida acceder ás novas tecnoloxías en igualdade de condicións", en verbas do concelleiro.

As I Xornadas Carballo PortaAberta apostan por "abrir unha fiestra ao mundo" a través das novas tecnoloxías

INAUGURACIÓN

As I Xornadas Carballo PortaAberta apostan por "abrir unha fiestra ao mundo" a través das novas tecnoloxías

Mércores 3 de decembro do 2008

Arrincaron no Telecentro de Carballo as I Xornadas Carballo PortaAberta, unha iniciativa destinada a "abrir unha fiestra ao mundo" a través das novas tecnoloxías da información e a comunicación, segundo expresou o Delegado Provincial de Industria, José Luis Barcia Picos, durante o acto de inauguración. Cun programa centrado na administración dixital e a conectividade no Concello de Carballo -o 3 de decembro- así como na xestión territorial e a dinamización -o 4 de decembro- as xornadas complétanse cunhas olimpíadas lúdicas destinadas a promover entre os veciños e veciñas o emprego de ferramentas relacionadas co uso de Internet e a difundir información sobre das características e peculiaridades do municipio carballés.

Entran en funcionamento os semáforos situados na travesía de Bértoa da capital municipal

TRÁFICO

Entran en funcionamento os semáforos situados na travesía de Bértoa da capital municipal

Mércores 3 de decembro do 2008

Os semáforos situados na travesía de Bértoa da capital municipal carballesa veñen de entrar en funcionamento. Dende o martes 2 de novembro os veciños e veciñas da parroquia contan con este servizo que ten como obxectivo mellorar a seguridade viaria -especialmente para os peóns- e facilitar que os habitantes da zona poidan cruzar a travesía co menor risco posible. Dende a Concellería de Tráfico que dirixe Benedito Viña queren, así mesmo, subliñar que os semáforos funcionan mediante o sistema de pulsador, polo que os peóns deben premer un botón e esperar a que o sinal se poña en verde para eles para poder cruzar.

Elixidos os debuxos gañadores do Concurso de Cartel e Postal de Nadal 2008

CULTURA

Elixidos os debuxos gañadores do Concurso de Cartel e Postal de Nadal 2008

Mércores 3 de decembro do 2008

A Concellaría de Cultura de Carballo xa ten gañadores ou gañadoras para o Concurso de Cartel e Postal de Nadal 2008. Na mañá do 3 de decembro, catro rapaces e rapazas de Primaria dos centros escolares do municipio, coa axuda dun representante dunha das asociacións do Concello e da propia Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, elixiron os debuxos -de entre os arredor de 1.200 presentados- que servirán para seleccionar a tarxeta de felicitación do Concello de Carballo e o cartel que anunciará as vindeiras festas do Nadal. Os debuxos e o nome dos gañadores daranse a coñecer a próxima semana durante a presentación do programa de actividades do Nadal.

Grande afluencia no Feirón de Outono, no que preto de 250 persoas comprobaron a súa condición física con 'Pasea a túa saúde'

30 DE NOVEMBRO

Grande afluencia no Feirón de Outono, no que preto de 250 persoas comprobaron a súa condición física con 'Pasea a túa saúde'

Luns 1 de decembro do 2008

A pesar do mal tempo, o Feirón de Outono celebrado o 30 de novembro na Praza do Concello de Carballo rexistrou unha elevada afluencia, tanto no stand de 'Merca-do bo' como na carpa de 275 metros cadrados de 'Pasea a túa saúde', que permaneceu todo o día diante da casa consistorial. Neste último caso, preto de 250 veciños e veciñas -entre eles o Alcalde da vila, Evencio Ferrero- comprobaron a súa condición física e de saúde neste circuíto instalado pola Dirección Xeral de Saúde Pública -e incluído en 'Carballo Saudable'- no que se realizaron probas e se fixeron recomendacións sobre o exercicio físico e o desenvolvemento dunha dieta axeitada.

Compartir: