Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Carballo enche a fin de semana de música co alumnado do Conservatorio e o Festival Mozart

XOVES 20 E SÁBADO 22 DE MAIO

Carballo enche a fin de semana de música co alumnado do Conservatorio e o Festival Mozart

Mércores 19 de maio do 2010

O Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo énchese os próximos días cunha variada oferta musical, da man do Programa das Letras 2010, que vai dende a aprendizaxe dos alumnos e alumnas do Conservatorio Profesional de Música ata a chegada do Festival Mozart a Carballo. No primeiro caso, trátase dun concerto titulado 'Violíns e violas en familia'. A cita é o xoves 20 de maio ás 19.30 horas e trátase dunha iniciativa do profesor Eduardo Coma. A finalidade desta mostra é dar a coñecer o traballo que desenvolve o alumnado de corda do Conservatorio. No segundo, a cita chega o sábado 22 de maio co Quinteto de Solistas da Orquesta Sinfónica de Galicia (OSG) -na imaxe- cun concerto que incluirá obras de Wolfgang Amadeus Mozart e Claude-Paul Taffanel. Trátase dunha ocasión única de gozar cuns intérpretes de primeira liña así como unha oportunidade excepcional de escoitar un magnífico repertorio clásico e contemporáneo. O concerto celebrarase a partires das 21.00 horas e a entrada, ao igual que no concerto do Conservatorio, é gratuíta ata completar o aforo.

A primeira xornada de Carballo Emprende céntrase nas claves para a creación e consolidación de empresas

ENTREGA DOS PREMIOS AO FOMENTO EMPRESARIAL E A EMPRENDEDURÍA

A primeira xornada de Carballo Emprende céntrase nas claves para a creación e consolidación de empresas

Mércores 19 de maio do 2010

As xornadas Carballo Emprende 2010 arrincaron onte cunha xornada na que se reflexionou sobre as axudas para os emprendedores, ademais de sobre as claves para que unha empresa poida ter éxito e consolidarse nos seus dous primeiros anos de vida. Para iso, celebrouse o I Encontro de Viveiristas, que contou coa presenza de Ángel Colomer Pérez-Herrera, Director Xeral da Fundación Incyde; Pedro Rodríguez Menéndez, Director Xeral da Cámara de Comercio de Oviedo; e Guillermo González Menéndez, xerente da empresa Ewan Clothing. Todos eles foron presentados polo Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín, que subliñou o crecemento e a consolidación de Carballo Emprende; e pola Secretaria Xeral da Xunta da Cámara de Comercio da Coruña, Ana Agras Gómez, que resaltou a importancia dun encontro destinado á emprendeduría porque "os emprendedores de hoxe son os grandes empresarios do futuro". E tamén porque "en épocas de crise debe seguir fomentándose a formación e a consolidación empresarial".

A exposición de banda deseñada 'Viñetas descubertas' e 'Miña terra galega' permanece no Pazo da Cultura até o 30 de maio

PROGRAMA DAS LETRAS 2010

A exposición de banda deseñada 'Viñetas descubertas' e 'Miña terra galega' permanece no Pazo da Cultura até o 30 de maio

Martes 18 de maio do 2010

O Pazo da Cultura de Carballo acolle a exposición 'Viñetas descubertas' e 'Miña Terra Galega' unha escolma itinerante do mellor cómic galego da última década que a finais de 2010 terá percorrido 23 concellos galegos en dous anos. Esta iniciativa, incluída no Programa das Letras 2010 de Carballo, serve asemade para amosar o traballo creativo dos 16 autores galegos máis representativos que teñen participado en abril no Salón do Cómic de Navarra. A mostra é unha selección de 72 ilustracións que foi estreada cunha magnífica acollida na pasada edición do Salón Internacional do Cómic de Barcelona (FICOMIC), ao que Galicia acudiu en calidade de comunidade convidada. Do mesmo xeito, en 2009 'Viñetas descubertas' e 'Miña Terra Galega' participaron nas XXI Xornadas de Banda Deseñada de Ourense antes de comezar o seu periplo por vilas de toda Galicia. Os interesados e interesadas en visitar a mostra poden facelo de 18.00 a 21.00 horas na pranta baixa do Pazo até o domingo 30 de maio.

O novo Centro Social de Imende nace para converterse nun "espazo aberto a todos os veciños e veciñas de Baldaio"

O SUBDELEGADO DO GOBERNO ASISTIU Á INAUGURACIÓN DO EDIFICIO

O novo Centro Social de Imende nace para converterse nun "espazo aberto a todos os veciños e veciñas de Baldaio"

Sábado 15 de maio do 2010

Un elevado número de veciños e veciñas, así como representantes da corporación municipal, non quixeron perderse o venres 14 de maio a inauguración do novo Centro Social de Imende, "un espazo aberto para todos os veciños e veciñas de Baldaio", en verbas de María del Carmen Varela, unha das persoas que desfrutará deste espazo ao que poderán acudir os habitantes das parroquias de Noicela e Rebordelos, e incluso de Vilela ou Lema. A cita contou coa presenza do Subdelegado do Goberno, José Manuel Pose Mesura, que subliñou que este novo edificio demostra "que os soños se fan realidade" e felicitou ao Goberno Local por repartir os fondos do FEIL 2009 (Fondo Estatal de Investimento Local), co que se financiou a reforma do edificio "ao longo e ancho de todo o Concello", sen esquecer as parroquias e a "aldea". Pose Mesura lembrou que ao longo de 2009 o goberno carballés investiu os fondos estatais en 13 proxectos que empregaron a 201 persoas "axudando un pouquiño a paliar o paro e a crear benestar".

Carballo festexa o Día das Letras co tradicional maratón de lectura 'As letras en voces' e co concerto da Banda Municipal

CÁNDIDO PAZÓ PRESENTA 'HISTORIAS TRICOLORES' O VENRES 14

Carballo festexa o Día das Letras co tradicional maratón de lectura 'As letras en voces' e co concerto da Banda Municipal

Venres 14 de maio do 2010

Carballo continúa co Programa das Letras 2010 cunha fin de semana intensa na que se desenvolverán diversas actividades destinadas a todos os públicos e que culmina coa celebración o luns 17 de maio do Día das Letras, este ano dedicado a Uxío Novoneyra. As citas arrincan xa o venres 14 ás 21.00 horas, no Pazo da Cultura, onde se poñerá en escena o espectáculo teatral 'Historias tricolores', co subtítulo de 'ou de cómo aqueles animaliños proclamaron a República', unha producción da compañía Abrapalabra Creacións Escénicas escrita, dirixida e narrada polo polifacético Cándido Pazó. Un texto moi divertido e emotivo sobre a historia de varias personaxes humildes na que tamén será protagonista a memoria histórica; unha proposta teatral entre o monólogo cómico e conto de taberna. Un traballo que combina a experiencia de Pazó como autor, actor e director teatral, coa súa longa e recoñecida traxectoria como contador de historias. O prezo das entradas será de 2,50 euros e 2 euros (prezo reducido para estudantes e maiores de 65 anos).

As Xornadas de Enerxías Renovables regresan co obxectivo de crear oportunidades de negocio e de emprego

ENTRE O 28 E O 30 DE MAIO NO PAZO DA CULTURA

As Xornadas de Enerxías Renovables regresan co obxectivo de crear oportunidades de negocio e de emprego

Xoves 13 de maio do 2010

O Pazo da Cultura de Carballo acolle os días 28, 29 e 30 de maio as V Xornadas de Enerxías Renovables, Aforro Enerxético e Medio Ambiente coa vontade de xerar emprego e acadar novas oportunidades de negocio na capital de Bergantiños e na comarca. Un total de 15 ponencias constitúen o programa, elaborado pola Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober) coa significativa colaboración do Concello de Carballo, entre outras institucións. José Figueiras Garrido, presidente de Axober, destaca a dificultade de manter a calidade e o elevado nivel das xornadas en época de crise, e agradeceu a colaboración de todas as persoas implicadas na organización. O deseño desta cita persegue buscar as últimas novidades, os novos nichos de mercado das enerxías e as novidades procedentes do mundo da investigación. Os interesados e interesadas poden inscribirse, de xeito gratuíto, até o xoves 27 de maio a través da rede no enderezo de Internet: <www.axober.com/xornadas>. As xornadas complétanse coa presenza dunha carpa coa habitual exposición de produtos a carón do edificio do Pazo da Cultura.

O Conselleiro de Medio Ambiente visitou a depuradora de Razo, que contou cun investimento de 1,5 millóns de euros

AS OBRAS DA AUTOVÍA CARBALLO-BERDOIAS: EN MARCHA EN SETEMBRO

O Conselleiro de Medio Ambiente visitou a depuradora de Razo, que contou cun investimento de 1,5 millóns de euros

Xoves 13 de maio do 2010

O Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, Agustín Hernández Fernández de Rojas, vén de visitar a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Razo, en explotación dende agosto de 2009. O obxectivo destas instalacións, que contaron cun investimento total de 1.520.475,73 euros, é o de depurar os vertidos do núcleo de Razo e facilitar a súa emisión ao medio mariño nas condicións axeitadas. A infraestrutura consta de dúas estacións de bombeo e a estación depuradora ten capacidade para abastecer a uns 4.000 habitantes. Agustín Hernández aproveitou a súa visita para anunciar a próxima adxudicación no verán das obras da autovía Carballo-Berdoias. Nestes momentos a mesa de contratación examina as ofertas presentadas e está previsto que a proposta de adxudicación se produza a finais de xuño para que os traballos principien no mes de setembro. Así mesmo, Hernández lembrou a adxudicación esta semana do contrato de redacción do proxecto da variante de Carballo por 263.000 euros.

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle a segunda proba do Campionato Galego de Motocross o luns 17 de maio

HAI UN TOTAL DE 85 INSCRITOS NA PROBA

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle a segunda proba do Campionato Galego de Motocross o luns 17 de maio

Mércores 12 de maio do 2010

O Circuíto de Motor de Bértoa de Carballo acolle o próximo luns 17 de maio, Día das Letras, a segunda proba do Campionato Galego de Motocross. A organización, encabezada por Motor Bergantiños e a Federación Galega de Motociclismo, coa colaboración do Concello -a través do Padroado Deportivo Municipal-, da Deputación, e da Xunta, explica que se espera a participación dun total de 85 pilotos chegados dende Galicia, pero tamén dende Asturias e León. Catro destes participantes son destacados pilotos nesta disciplina, incluíndo ao gañador da primeira proba do campionato celebrada en abril, Adrián Garrido; a Ricardo Costas, actual campión galego; Aaron Bernárdez, participante habitual no Mundial de Enduro; ou Román Pérez, campión de España e Portugal. A anfitriona, a escudaría Motor Bergantiños, tamén terá representación, achegando un total de cinco pilotos da comarca para a proba.

Unha delegación do Concello de Porriño visita Carballo para examinar as últimas melloras e a xestión do sistema informático

XUNTANZA SOBRE AFORRO ENERXÉTICO NO SALÓN DE PLENOS

Unha delegación do Concello de Porriño visita Carballo para examinar as últimas melloras e a xestión do sistema informático

Martes 11 de maio do 2010

Unha delegación do Concello do Porriño encabezada polo Alcalde, Nelson Santos Argibay, visitou hoxe o Concello de Carballo para examinar o sistema informático municipal e obter claves para poder aplicalas na actualización e mellora do sistema do municipio pontevedrés, que nestes momentos actualiza a súa páxina web. Os representantes do Porriño, ademais de ser recibidos polo Alcalde, Evencio Ferrero, mantiveron unha xuntanza co responsable do sistema informático municipal, Luis Castro, co que intercambiaron impresións e tomaron ideas. Ademais de examinar o funcionamento da páxina web municipal, tamén falaron doutros servizos ofrecidos polo Concello, como Carballo PortAberta. Así mesmo, a delegación puido examinar polo miúdo os sistemas de xestión empregados e avaliar as súas vantaxes. Tamén se mencionou na xuntanza a próxima virtualización e actualización dos servidores informáticos de Carballo, unha actuación incluída nos proxectos do Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade Local de 2010 por un importe previsto de 17.763,53 euros.

Adxudicación definitiva da obra para a pavimentación dunha pista en Constenla, incluída no POS adicional

ASINADO UN CONVENIO DE COLABORACIÓN CON AXOBER

Adxudicación definitiva da obra para a pavimentación dunha pista en Constenla, incluída no POS adicional

Luns 10 de maio do 2010

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar en sesión ordinaria a adxudicación definitiva do contrato da obra 'Pavimentación de pista en Constenla', unha actuación incluída no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos (POS) adicional da Deputación. A empresa encargada dos traballos será Construcciones Alejandro Martínez e Hijos e o prezo de adxudicación estipulado é de 52.278,64 euros. O prazo de execución previsto para os traballos é de tres meses a contar dende o día seguinte á sinatura da acta de replantexamento. No apartado de contratacións, a sesión tamén supuxo a adxudicación definitiva do contrato administrativo do servizo de 'Mantemento e conservación dos ascensores do Concello de Carballo'. Por último, a Xunta de Goberno aprobou o expediente de contratación para a xestión do 'Servizo de axuda no fogar dos servizos sociais do Concello de Carballo' durante os períodos vacacionais, as baixas por enfermidade e outro tipo de incidencias. No apartado de convenios, a sesión supuxo a aprobación dun acordo de cooperación entre o Concello e o Bergantiños FC.

A Policía Local ten atendido un total de 63 accidentes de circulación entre xaneiro e abril de 2010

O GRUMIR AXUDOU A EXTINGUIR SEIS INCENDIOS FORESTAIS EN ABRIL

A Policía Local ten atendido un total de 63 accidentes de circulación entre xaneiro e abril de 2010

Venres 7 de maio do 2010

O informe mensual da Policía Local carballesa indica que ao longo do mes de abril téñense rexistrado un total de 19 accidentes de tráfico, a cifra máis alta no que vai de 2010, mentres que o número de feridos pasa a ser de 12, tamén a cantidade máis elevada deste ano, con un peón, 3 condutores e 9 ocupantes feridos. No primeiro cuadrimestre de 2010 téñense rexistrado no municipio 26 feridos en 63 accidentes de circulación. No que respecta ao apartado de delictos, furtos, danos e outros, téñense producido en abril un total de 15 incidencias. Delas, un total de sete son roubos con forza, superando en 3 a cifra de marzo e constituíndo a cantidade máis elevada de 2010; catro son furtos e tamén se rexistrou un roubo no interior dun vehículo, entre outros delictos. Hai que subliñar que no mes de abril non se ten rexistrado ningunha denuncia no municipio por roubos polo método do 'tirón', e tampouco se denunciou ningún roubo de vehículos. Por último, o informe de abril do servizo de Protección Civil apunta que se teñen producido dous incendios urbanos e seis forestais durante o pasado mes.

As claves para afrontar a crise económica e o I Encontro de Viveiristas, principais temas de Carballo Emprende 2010

O 19 E 20 DE MAIO NO VIVEIRO DE EMPRESAS DO POLÍGONO

As claves para afrontar a crise económica e o I Encontro de Viveiristas, principais temas de Carballo Emprende 2010

Venres 7 de maio do 2010

O mércores 19 e o xoves 20 de maio o Viveiro de Empresas do Polígono de Bértoa acolle a celebración da terceira edición das xornadas Carballo Emprende, organizadas polo Concello xunto coa Cámara de Comercio da Coruña. Trátase dunha cita "consolidada", que este ano incrementa a súa "especialización" e "calidade", segundo subliña o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín. Nesta nova andaina os temas das xornadas divídense en dúas liñas. Unha destinada a mellorar a capacitación profesional dos empresarios, centrada na crise económica e en ofrecer solucións para as empresas da zona cunha conferencia a cargo de Jesús Ferradás González, presidente de Optimer e consultor formador de ESIC. E outra encamiñada á especialización e á emprendeduría coa celebración do I Encontro de Viveiristas. As xornadas complétanse coa entrega dos III Premios Carballo Emprende, uns galardóns "consolidados e de referencia de cara á dinamización empresarial e ao fomento da emprendeduría", subliña García Guillín. As inscricións están abertas até o luns 10 de maio.

Compartir: