Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A escritora Marica Campo gaña o VI Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2010

DOTADO CON 1.200 € E A PUBLICACIÓN EN ONCE MEDIOS

A escritora Marica Campo gaña o VI Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2010

Venres 28 de maio do 2010

O xurado do VI Premio a artigos xornalísticos normalizadores reuniuse o xoves 27 de maio, para decidir o artigo gañador deste certame, ao que se presentaron 39 traballos, e decidiu concederlle o premio, dotado con 1.200 euros e a publicación do artigo en 'A Nosa Terra', 'A Peneira', 'Diario de Bergantiños', 'El Periódico de Bergantiños-Radio Líder', 'Galicia Hoxe', 'La Opinión de A Coruña', 'La Voz de Galicia', 'Longa Lingua', 'Tempos Novos', 'Vieiros' e 'Xornal de Galicia', ao artigo titulado "A procura do tesouro", de Marica Campo. Segundo o xurado, o recoñecemento deste artigo débese á súa capacidade para atraer públicos diversos, con niveis de lectura diferentes; ao seu contido de valor intrínseco, desde as raíces até o futuro; á súa calidade lingüística e literaria, cunha metaforización exacta, nun artigo de estrutura circular e con conexión con modalidades literarias tanto cultas como populares. O xurado decidiu tamén outorgarlle un accésit sen dotación económica ao artigo "Por unha Galiza neofalante", do autor Marcos Abalde Covelo, que xa recibiu tamén un accésit na edición anterior do certame.

A Deputación financia a creación da segunda escola infantil municipal cunha achega de 550.000 euros

O PLENO INCLÚE O PROXECTO DA FASE II DA TRAVESÍA DE SÍSAMO

A Deputación financia a creación da segunda escola infantil municipal cunha achega de 550.000 euros

Venres 28 de maio do 2010

O Pleno da Deputación provincial vén de aprobar a concesión dunha achega de 550.000 euros para permitir o financiamento dunha segunda escola infantil para o Concello de Carballo. Deste xeito, e despois de que o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar manifestara a súa imposibilidade de asumir o financiamento comprometido nun convenio asinado en novembro de 2008, a actuación sairá adiante, aínda que con fondos provinciais. O proxecto da segunda escola infantil está redactado dende hai tempo, foi obra do arquitecto José Villacé e o seu importe completo é de 834.000 euros. Segundo o convenio asinado co Consorcio, deste importe, a Xunta tería que ter asumido o 80%, mentres que o Concello achegaría o 20% restante, un total de 170.000 euros que están comprometidos nas partidas dos orzamentos municipais dende 2009. Grazas á achega da Deputación, será posible sacar adiante o proxecto este ano, pero o Concello deberá achegar 300.000 euros, en lugar dos 170.000 iniciais, para asumir o importe completo da actuación.

Un total de 200 persoas asisten ás V Xornadas de Enerxías Renovables e Aforro Enerxético

O DIRECTOR DO INEGA ABRIU AS PONENCIAS

Un total de 200 persoas asisten ás V Xornadas de Enerxías Renovables e Aforro Enerxético

Venres 28 de maio do 2010

Un total de 200 inscritos e inscritas participan, entre o venres 28 e o domingo 30 de maio, nas V Xornadas de Enerxías Renovables e Aforro Enerxético que organiza a Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños, Axober, e que contan co patrocinio do Concello carballés. No acto de inauguración o presidente de Axober, José Figueiras, subliñou a importancia das enerxías renovables como un xeito de acadar novos retos e de apostar pola competitividade e pola creación de emprego, ademais de que constitúen un nicho de mercado e un xacemento de emprego en auxe. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, encargado da inauguración oficial da cita, resaltou as enerxías renovables como unha "oportunidade", especialmente en tempos de crise, e desexou que a súa implantación sexa o máis rápida posible. Así mesmo, felicitou a Axober por "apostar novamente pola sustentabilidade". O encargado de ofrecer a primeira ponencia foi Eliseo Diéguez, Director Xeral do Inega, que reflexionou sobre o 'Presente e futuro das enerxías renovables'.

O Concello xa prepara a celebración do Feirón de Verán e da vindeira Ruta do Pincho no mes de agosto

ABERTO O PRAZO PARA ANOTARSE NUNHAS XORNADAS SOBRE O PAN

O Concello xa prepara a celebración do Feirón de Verán e da vindeira Ruta do Pincho no mes de agosto

Xoves 27 de maio do 2010

O Museo de Bergantiños vén de acoller unha xuntanza entre representantes do sector hostaleiro de Carballo e dos panadeiros adscritos á marca 'Pan de Carballo' xunto co Concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel García Guillín, para planificar as actividades a desenvolver de forma conxunta para os vindeiros meses. Entre outras cousas, nesta reunión acordouse a continuación da Ruta do Pincho de Verán dentro da programación do Feirón de Verán que terá lugar o vindeiro mes de agosto, para o que xa está aberto o prazo para os locais que queiran participar. Esta iniciativa terá lugar ao longo de varias fins de semana durante as que se ofrecerán pinchos creativos de balde coas consumicións. Os locais hostaleiros de Carballo teñen acollido até o momento dúas Rutas do Pincho, o pasado verán e en inverno, nas que teñen participado 16 locais na primeira edición e 11 na segunda. O obxectivo desta iniciativa é a promoción dos establecementos hostaleiros, pero tamén dos diferentes Feiróns de Tempada e os produtos da terra, xa que é unha actividade ligada ás feiras dos quintos domingos de mes.

Preto de 2.000 rapaces e rapazas teñen participado no programa de Deporte en idade escolar 2009-2010

'XOGAR NA RÚA' PECHA AS ACTIVIDADES O SÁBADO 29 DE MAIO

Preto de 2.000 rapaces e rapazas teñen participado no programa de Deporte en idade escolar 2009-2010

Mércores 26 de maio do 2010

A Praza do Concello de Carballo é o escenario, un ano máis, da celebración de Xogar na rúa, a culminación ou "albaroque", en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero, do programa de Deporte na Escola que se desenvolveu ao longo do curso 2009-2010 e que desta volta contou cun total de 761 participantes. Así mesmo, noutras actividades de deporte escolar como son 'Xogar co Atletismo', a campaña 'Aprende a nadar' e las Ligas Locais de Escolares, o curso que agora remata acumulou a participación de 1.075 rapaces e rapazas. Preto de 2.000 nenos e nenas en total, co que a organización espera, segundo explicou o Xerente do Padroado Deportivo Municipal, Francisco García Bello, que o sábado participen nesta XIX edición de Xogar na rúa uns 1.200 escolares. Haberá 16 zonas de xogos con actividades como bádminton, balonmán, un búfalo mecánico, voleibol, mini basket ou xadrez, entre outras moitas. Ademais, este ano tense introducido como novidade unha actividade de iniciación á capoeira para os máis cativos e cativas.

Educación comprométese a que as obras de ampliación do CEIP Bergantiños principien antes de que remate 2010

OS TRABALLOS ESTARÍAN FINALIZADOS PARA O CURSO 2011-2012

Educación comprométese a que as obras de ampliación do CEIP Bergantiños principien antes de que remate 2010

Mércores 26 de maio do 2010

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Educación, Mar Eirís, veñen de entrevistarse coa Xefa Territorial de Educación, María Teresa Villaverde Pais, co obxectivo de falar dos problemas de escolarización que existen no Concello de Carballo. Así, para o curso 2011-2012 está previsto que os problemas se agraven xa que, segundo as previsións do padrón municipal, nese ano deberían escolarizarse uns 311 nenos e nenas -a maioría do casco urbano- en Educación Infantil. Villaverde Pais manifestou o compromiso da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de principiar as obras de ampliación do CEIP Bergantiños, unha demanda reiterada do Goberno local e da comunidade educativa, antes de que remate o presente ano 2010 para tentar paliar estes problemas. Segundo a Xefa Territorial, nestes momentos xa está en marcha a elaboración do proxecto para axilizar a licitación dos traballos, que poderían comezar en novembro de 2010. O obxectivo é que a mellora estea rematada para que os nenos e nenas podan incorporarse para o curso 2011-2012.

Carballo acolle a IV Xira Galega de Karting entre o xoves 27 e o domingo 30 de maio

NO APARCADOIRO DO CCB-HALEY

Carballo acolle a IV Xira Galega de Karting entre o xoves 27 e o domingo 30 de maio

Martes 25 de maio do 2010

O aparcadoiro do Centro Comercial Bergantiños-Haley acolle entre o xoves 27 e o domingo 30 de maio o circuíto da IV Xira Galega de Karting, un proxecto que pretende achegar o mundo do motor a todos os públicos. A capital de Bergantiños é a única vila da Costa da Morte, xunto con outras oito grandes cidades galegas (Santiago, Ortigueira, Ferrol, Negreira, Ourense, A Coruña, Vilagarcía e Vigo), en acoller esta actividade, que lle da a oportunidade aos escolares do municipio -de xeito gratuíto- e ao público en xeral -con entrada de 10 euros para unha manga de 5 min.- de poder poñer en práctica os seus coñecementos sobre condución. Así mesmo, este ano está previsto o reparto de 4.000 bonos no CCB-Haley e nos Supermercados Gadis de Carballo, Arteixo, A Laracha, Baio, Vimianzo, Camariñas e Cee, para obter descontos de 3 € ou de ata un 50%. Ademais, por unha compra de 40 € repartiranse un total de 700 invitacións gratuítas. Como novidade, o carné xove permite un desconto dun 30% e os nenos e nenas de entre 8 e 12 anos abonarán 7 €.

Operarios do Concello atopan en Berdillo un vertedoiro incontrolado de vidro e caixas

O SEPRONA INVESTIGA PARA ATOPAR AO POSIBLE AUTOR/A

Operarios do Concello atopan en Berdillo un vertedoiro incontrolado de vidro e caixas

Martes 25 de maio do 2010

O Concello de Carballo, a través das Concellarías de Servizos e Medio Ambiente que dirixen Luís Lamas e José Antonio Viña, informa da aparición dun vertedoiro incontrolado de vidro nas inmediacións de Monte Cobo, en Berdillo, no que tamén se atoparon caixas de madeira e cartón. Os residuos foron localizados a semana pasada por operarios municipais e o Concello xa ten informado ao Seprona (Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil) para que tome as medidas oportunas. Nestes momentos estase realizando a investigación pertinente que podería derivar os próximos días coa captura do/a/s responsables do vertido. Hai que lembrar que as sancións poden ir dende 90 euros ata 500 ou incluso 900 euros para verteduras químicas, segundo o regulamento municipal. O Concello carballés pide aos veciños e veciñas que lembren e respecten as indicacións da ordenanza de limpeza, que prohibe o depósito e vertido de lixos e residuos en zonas distintas ás instalacións municipais.

Adxudicación definitiva do servizo de 'Limpeza de praias do municipio de Carballo'

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Adxudicación definitiva do servizo de 'Limpeza de praias do municipio de Carballo'

Luns 24 de maio do 2010

A Xunta de Goberno Local vén de resolver a adxudicación definitiva do servizo de 'Limpeza de praias do municipio de Carballo' que recae na empresa Eulen SA nun prezo ofertado de 303.57,63 euros para os catro anos de duración inicial do contrato, que pode ser prorrogado dous anos máis sen que se exceda unha duración total de seis anos. O prezo anual de adxudicación con IVE é de 75.889,41 euros. A empresa adxudicataria ten o compromiso de incrementar o período de prestación do servizo en tempada alta en dúas semanas (dende o 16 de setembro até o 1 de outubro) e o incremento do período de tempada media en dúas semanas (dende o 1 de abril até o 15 de abril). Así mesmo, debe cumprir as melloras ofertadas sen custo adicional por valor de 5.857,11 euros. Ademais, o Concello, por motivos de interese público, pode acordar o comezo da execución do contrato aínda que este non teña sido formalizado -sempre que se teña constituído a garantía definitiva correspondente- debido ao inicio da tempada de praias o vindeiro 1 de xuño de 2010.

As Escolas Deportivas e Culturais Xiria e o programa Concilia colaboran para facilitar a unión da vida laboral e familiar

A INICIATIVA CREA 10 EMPREGOS DIRECTOS E 10 INDIRECTOS

As Escolas Deportivas e Culturais Xiria e o programa Concilia colaboran para facilitar a unión da vida laboral e familiar

Sábado 22 de maio do 2010

O Concello de Carballo e as Escolas Deportivas e Culturais Xiria únense este verán para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar. Así, o programa Concilia, que estaba funcionando durante o curso lectivo, incluíndo as vacacións, amplíase para ofrecer o servizo tamén durante o verán a través das Escolas de Xiria, de tal xeito que o horario se amplía para atender aos nenos e nenas a partires das 7.30 horas, coa posibilidade de incluír o almorzo. Con ese novo horario, os nenos e nenas teñen a posibilidade de estar de 7.30 a 14.00 horas realizando actividades como excursións, xogos populares, sendeirismo, teatro, ou saídas ao monte e a praia. As Escolas Deportivas e Culturais Xiria están dirixidas a todos os nenos e nenas de entre 3 e 12 anos e as inscricións poden formalizarse dende o 15 de maio nas oficinas do Padroado Deportivo Municipal. Pode obterse máis información, sobre horarios e prezos chamando ao 981 702 109.

A consultora Nor Data Solutions SL, galardoada co 1º Premio Carballo Emprende a Ideas Empresariais

2º E 3º PREMIO: TRANSFORMACIONES BERGANTIÑOS E IMPERIO DAMA

A consultora Nor Data Solutions SL, galardoada co 1º Premio Carballo Emprende a Ideas Empresariais

Venres 21 de maio do 2010

Nor Data Solutions SL, empresa dedicada á consultoría en materia de protección de datos e informática, ten sido galardoada co 1º Premio Carballo Emprende 2010 na categoría de Ideas Empresariais. Esta firma é unha das 15 que exercen a súa actividade dende o Viveiro de Empresas, e ten sido distinguida por ser a única deste tipo que exerce a súa actividade dende Carballo. O 2º Premio recaeu en Transformaciones Bergantiños SL, dedicada á adaptación de vehículos industriais como ambulancias ou coches de autoescola. O 3º Premio foi para Imperio Dama SL (Cervecería Imperio) do sector da hostalería. O xurado valorou a súa innovación no sector, creando un espazo con diferentes ambientes que inclúe unha área de xogos para os cativos e cativas. A dotacion económica dos premios é de 1.200, 1.000 e 800 euros, respectivamente. Así mesmo, a Cámara de Comercio da Coruña contribuirá á concesión dun ano de estadía gratuíta no Viveiro de Empresas de Bértoa para un dos emprendedores. Na categoría de Fomento da Emprendeduría, o galardón foi a parar ao Centro Comercial Aberto-CCA Carballo, cunha dotación de 1.000 euros.

O Concello de Carballo e Caixa Galicia ofrecen formación sobre plans de empresa e micro créditos

INSCRICIÓNS ATÉ O 2 DE XUÑO

O Concello de Carballo e Caixa Galicia ofrecen formación sobre plans de empresa e micro créditos

Xoves 20 de maio do 2010

A Obra Social Caixa Galicia e o Concello de Carballo ofrecen o curso gratuíto 'Cómo elaborar un plan de empresa para solicitar un microcrédito', con contidos prácticos relacionados coa creación de empresas e dirixido a persoas cunha idea de negocio ou que estean valorando a posibilidade de iniciar unha actividade de auto emprego e queiran valorar a súa viabilidade. Ademais da formación, proporcionarase atención persoal a cada participante para axudarlle a traballar sobre o seu proxecto empresarial ou de auto emprego. As persoas que necesiten financiamento e finalicen o seu Plan de Empresa con resultado viable, poderán solicitar un Microcrédito Caixa Galicia. O curso será os días 7, 8 e 9 de xuño en horario de 9.00 a 14.00 horas (duración: 15 horas). O 10 de xuño proporcionaranse as titorías individuais de asesoramento a cada participante. O curso realizarase no Pazo da Cultura e as inscricións poden formalizarse até o mércores 2 de xuño en calquera das oficinas de Caixa Galicia de Carballo ou da comarca. Pode obterse máis información no teléfono 981 186 510, ou na páxina web <http://microcreditos.caixagalicia.es>.

Compartir: