Inicio Carballo ao día Novas Case un cento de persoas participan nos cursos de...

Case un cento de persoas participan nos cursos de poda organizados polo Concello e Dixardín

Martes 24 de xaneiro do 2023 Participación veciñal

Participantes no curso celebrado en Alborís (Rus)

Participantes no curso celebrado en Alborís (Rus)

Case cen persoas participan nos cursos de poda que organizamos dende o Concello de Carballo, en colaboración co centro especial de emprego Dixardín, dentro do programa Catro Estacións.

O primeiro celebrouse o sábado 21 nunha finca de Alborís, na parroquia de Rus, na que se deron cita unha vintena de persoas chegadas dende distintos puntos do concello. Aínda que pasada por auga, esta primeira sesión resultou de gran proveito para as persoas participantes, segundo comentaron co concelleiro Luis Lamas, que se achegou ata Alborís. Ademais de recibir unhas nocións básicas sobre poda por parte o especialista Manuel Amado, cada unha das persoas asistentes levou para a casa unha maceira para plantar.

Este sábado 28 celebrarase o segundo curso, neste caso na parroquia de Artes. Este ano optamos por aproveitar a época de poda para organizar sesións teórico-prácticas durante catro sábados consecutivos en distintos puntos do termo municipal, intentando achegar a experiencia á maior parte da poboación. A convocatoria tivo unha excelente acollida, como demostra o feito de que as prazas se esgotasen en menos de tres días.

Todos os participantes son obsequiados cunha árbore froiteira

Todos os participantes son obsequiados cunha árbore froiteira

Os seguintes levaranse a cabo nas parroquias de Vilela, o 4 de febreiro, e Sísamo, o 11, e en todos os casos están as prazas completas e mesmo hai unha longa listaxe de agarda.

A iniciativa forma parte do programa medioambiental Catro estacións, promovido polo Concello de Carballo coa colaboración do centro especial de emprego Dixardín, e vinculado á creación e mellora das zonas verdes e arboradas e dos espazos axardinados do noso concello. O principal obxectivo é implicar á veciñanza na conservación dos espazos públicos a través dunha serie de iniciativas orientadas a fomentar o coñecemento da nosa riqueza de flora, poñer en valor os recursos naturais do territorio e fomentar o respecto polos xardíns como bens comunitarios.

Compartir: