Inicio Carballo ao día Novas Alumnado do CEIP Bergantiños participou...

Alumnado do CEIP Bergantiños participou nunha xornada de educación viaria co Club Ciclista Carballo e a Policía Local

Os colexios ou entidades que desexen organizar unha actividade similar poden solicitala enviando un correo electrónico a comunicacion@carballo.gal

Martes 29 de novembro do 2022

Axentes de Mobilidade, cun dos grupos de escolares

Axentes de Mobilidade, cun dos grupos de escolares

Estes son días de moita actividade no CEIP Bergantiños. Para rematar o mes, o alumnado participará mañá mércores na carreira Enki, unha cita única en Galicia que se vén desenvolvendo dende o ano 2014 para promover a inclusión e a visualización de colectivos e persoas con diversidade funcional, así como o respecto e a educación na diversidade. Pero hoxe recibiron tamén a visita do Club Ciclista Carballo e da Policía Local para abordar outra materia de gran interese para peques e maiores: a seguridade viaria.

Os tres grupos de primeiro curso de primaria participaron ao longo da mañá en varias actividades, ás que se sumou tamén o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane. Os axentes da Policía Local e o persoal do Club Ciclista Carballo ofreceron aos nenos as claves para circular con seguridade, tanto a pé coma en bicicleta, e despois tiveron a ocasión de levar á práctica as ensinanzas nun circuíto de seguridade viaria.

A iniciativa tivo moi boa acollida tanto entre o alumnado coma entre o profesorado, e dende a Concellaría de Mobilidade estaremos encantados de repetila as veces que faga falla. Tanto os centros educativos coma as asociacións ou os consellos parroquiais interesados poden enviar a solicitude para unha actividade de seguridade viaria ao enderezo electrónico comunicacion@carballo.gal, e organizaremos unha xornada adaptada ao público ao que vaia destinada.

Compartir: