Inicio Carballo ao día Novas Abre o prazo de inscrición para os premios...

Abre o prazo de inscrición para os premios Youtubeiras, que volven co lema "Para rede, a nosa"

A técnica de normalización lingüística de Carballo participou na presentación da nova edición do certame

Martes 27 de setembro do 2022 Lingua

Presentación de Youtubeiras 2022 (Foto: Nós Diario)

Presentación de Youtubeiras 2022 (Foto: Nós Diario)

Youtubeiras chega á súa sexta edición co obxectivo de ensanchar a comunidade creadora en galego na Rede, despois de cinco anos en que a comunidade creadora do internet en galego non fixo máis que medrar. Nesta edición quérese facer un achegamento a persoas de todas as idades que poidan compartir os seus saberes a través de videotitorias para problemas cotiás. Tamén nesta edición o catálogo de persoas creadoras será unha das novidades que servirá como escaparate para visibilizar todos os proxectos a través das redes sociais de Youtubeiras. Con isto búscase consolidar a comunidade e ofrecer un lugar de referencia ao público para buscar contido dixital en galego.

Para rede, a nosa” é o lema desta sexta edición, co que se simboliza a seguridade e o orgullo da comunidade creadora das plataformas dixitais. Para consolidar a comunidade retomaranse as actividades de convivencia, intercambio e formación. O primeiro será a Megacolab, a xornada de creación colectiva que se celebrará o sábado 18 de xuño en Santiago de Compostela (inscricións aquí). Outras actividades serán o encontro en liña con outras comunidades de creación en linguas non hexemónicas, que será en setembro, ou o obradoiro formativo sobre administración e xestión fiscal, en decembro.

As bases pódense consultar na páxina web de Youtubeiras, que inclúe dúas grandes novidades neste 2022. A primeira é que se permitirán a participación de canles cun único vídeo publicado, a diferenza da edición do ano pasado que limitaba a concorrencia a quen tivese como mínimo cinco vídeos. Os vídeos han estar publicados a partir do 22 de outubro do 2021.

Os premios reestruturan, ademais, as súas categorías. Contarase cun total de oito apartados: youtubeira/o, canle, vídeo, youtubeira/o revelación, premio á calidade lingüística, pioneiro, rede e premio do público. As persoas gañadoras dos sete primeiros recibirán 1.000 euros, mentres que no último caso a dotación económica ascenderá aos 500 euros. Así, os Premios Youtubeiras repartirán un total de 7.500 euros. O prazo de inscrición para competir no concurso estará aberto dende o 27 de setembro ata o 25 de novembro.

Youtubeiras é un proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de doce concellos, entre eles o de Carballo; das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación no Youtube en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede.

A técnica de normalización lingüística de Carballo, Carme Pereiro Felípez, participou hoxe na presentación dos premios, na que tamén se fixo pública a composición do xurado: Olaxonmario, gañador do premio ao youtubeira/o do ano na edición anterior, Mónica Fernández Valencia, técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense e coordinadora de Youtubeiras nas primeiras catro edicións; Carmen Nieto, dinamizadora e formadora no eido das novas tecnoloxías; Elvira Nercellas, estudante e integrante do Grupo por unha Medicina galega en galego, e Alba Rodríguez, administrativa que deu a coñecer o cambio de lingua a través de Twitter no ano 2018. O seu ditame darase a coñecer no mes de xaneiro durante unha gala de entrega que en edicións anteriores presentaron artistas como Patricia de Lorenzo, a compañía teatral A Panadaría ou Tanxugueiras.

Ligazóns

Compartir: