Inicio Carballo ao día Novas A moda de amorear pedras prexudica a especies de...

A moda de amorear pedras prexudica a especies de fauna e flora do espazo natural de Razo-Baldaio

A Concellaría de Medio Ambiente, en colaboración cos axentes ambientais da Xunta e o servizo municipal de limpeza de praias, realiza traballos de restauración ambiental

Mércores 3 de agosto do 2022

O persoal de limpeza de praias retirou hoxe os montículos de pedras coa supervisión dos axentes ambientais da Xunta

O persoal de limpeza de praias retirou hoxe os montículos de pedras coa supervisión dos axentes ambientais da Xunta

A construción de montículos de pedras, asociada ao turismo de natureza e reflectida en fotografías difundidas a través das redes sociais, é unha práctica estendida por todo o mundo que tamén chegou ao noso litoral. Pero as consecuencias desta moda son prexudiciais para a biodiversidade. E non o dicimos nós, senón un equipo internacional con participación de investigadores do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), que advirte de que o amoreamento de pedras prexudica a varias especies animais e vexetais, algunhas das cales se atopan en perigo de extinción. A píllara das dunas é unha delas.

A Concellaría de Medio Ambiente e Praias, en colaboración cos axentes ambientais dependentes da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta e co servizo municipal de limpeza de praias, vén de realizar traballos de restauración ambiental na franxa Razo-Baldaio, na que apareceron nos últimos días numerosos montículos de pedras.

As nosas praias forman parte dunha área protexida, na que podemos pasear, tomar o sol, practicar deporte ou realizar diferentes actividades, pero que, como lembran dende Patrimonio Natural, cando marchamos debemos deixalas nas mesmas condicións nas que as atopamos. No caso de Baldaio, o problema agrávase coa utilización de pedras procedentes do recheo realizado a raíz do taponamento da canle da ría, o que supón que se están introducindo na area elementos alleos ao espazo natural.

Unha das construcións de pedra retiradas hoxe en Baldaio

Unha das construcións de pedra retiradas hoxe en Baldaio

Amorear pedras non ten nada que ver cos antigos milladoiros galegos nin coa cultura zen, senón que, como sinalan dende o CSIC, “esta moda banal e importada doutras culturas constitúe un grave atentado ao medio ambiente e á paisaxe das áreas naturais”. Estas estruturas modifican o hábitat de especies animais e vexetais, que usan rocas como refuxio ou dependen das condicións de microclima asociadas a elas, pero ademais, como indican os axentes ambientais destinados na comarca de Bergantiños, moitas veces supoñen un reclamo para outras especies alleas á praia, como os cánidos.

Seguindo as indicacións do CSIS, que piden a imposición de restricións á construción de montículos de pedras e instan a desmantelar as existentes, dende o Concello de Carballo, ademais de solicitar a colaboración das persoas usuarias das praias para erradicar este tipo de prácticas, vimos de acometer, en coordinación cos axentes ambientais e coa colaboración do servizo municipal de limpeza de praias, a destrución das estruturas existentes.

Compartir: