Inicio Carballo ao día Novas Clausurado o Laboratorio de emprendemento...

Clausurado o Laboratorio de emprendemento solidario e social cunha mostra de experiencias no sector dos coidados

O concelleiro de Innovación, Formación e Emprego anunciou a intención do Concello de seguir apostando pola formación en atención sociosanitaria

Luns 27 de xuño do 2022 Promoción Económica

Unha mostra de experiencias da economía social no sector dos coidados pechou o Laboratorio de emprendemento solidario e social impulsado pola Concellaría de Promoción e Económica e Reas Galicia coa finalidade de promover o emprendemento baixo os principios e o modelo da economía social e solidaria, tendo en conta a sustentabilidade ambiental, a defensa da equidade nas relacións económicas, a busca da cooperación, a ausencia de ánimo de lucro e o compromiso coa contorna.

Catro obradoiros e tres mostras de experiencias conformaron o programa de actividades que se veu desenvolvendo dende o  mes de abril. Nesta última xornada participaron a directora do centro especial de emprego de Aspaber, Dolores Fernández, xunto con representantes da cooperativa de cohousing para maiores Ancoradoiro, que desenvolve a súa actividade na provincia de Pontevedra, e do Proxecto Colaxe, unha rede de cooperativas de Casas do Maior na Costa da Morte. Entre o público estivo o alumnado do obradoiro dual de emprego “Carballo Coida”, que se desenvolve no Fórum Carballo e que, precisamente, está centrado na formación de persoal de atención sociosanitaria en institucións sociais.

No acto de clausura tamén participaron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Innovación, Formación e Emprego, Iván Andrade, quen anunciou a intención do Concello de Carballo de seguir apostando pola formación en atención sociosanitaria a través dun novo obradoiro dual de emprego. O proxecto presentado para o seu financiamento por parte da Xunta de Galicia dá incluso un paso máis, xa que inclúe un apartado de hostalaría e restauración baseado en experiencias como Xantar na Casa.

Evencio Ferrero, pola súa banda, destacou a importancia de promover a economía social e solidaria de cara á creación de novas empresas. “Temos que mirar non só o éxito económico, senón tamén o éxito social dos proxectos que se van poñendo en marcha”, manifestou.

Compartir: