Inicio Carballo ao día Novas A Xunta licita por 282.000 euros as primeiras...

A Xunta licita por 282.000 euros as primeiras obras encamiñadas a reducir o risco de inundación no río Anllóns

O delegado territorial, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, achegáronse hoxe ata o Muíño do Quinto, onde se vai realizar a actuación

Luns 23 de maio do 2022

Un técnico da Xunta explicou o proxecto

Un técnico da Xunta explicou o proxecto

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañou hoxe ao delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, nunha visita á zona do Muíño do Quinto, onde se vai levar a cabo a primeira das obras previstas dentro do plan de actuación para evitar as inundacións no río Anllóns. A visita, na que tamén participaron o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, e o portavoz do PP e deputado autonómico Rubén Lorenzo, coincidiu coa apertura do prazo de licitación dos traballos que se levarán a cabo nesa zona, que consistirán na construción dun by-pass.

As empresas interesadas teñen de prazo ata o 28 de xuño para presentar as súas ofertas. O orzamento acada os 282.000 euros, ao que se suman as expropiacións dos 3.156 metros cadrados de terreo precisos para acometer as obras, segundo o proxecto aprobado a finais do ano pasado pola corporación municipal. O by-pass do Muíño do Quinto ten un prazo de execución de seis meses, pero, segundo as previsións da Xunta, o proxecto podería executarse antes de fin de ano, aínda que os prazos dependerán das condicións meteorolóxicas.

A finalidade da intervención é mellorar a capacidade hidráulica do río ao seu paso polo Muíño do Quinto, e para iso abrirase unha nova canle alternativa que permitirá derivar caudal en períodos de avenida. Para poder levar a cabo o proxecto será preciso crear un paso transversal de auga por debaixo da calzada, e tamén se verá afectada a senda fluvial, polo que se prevé a construción dunha pasarela de madeira de 10 metros de luz que dea continuidade ao trazado.

Convenio a tres anos

Zona do Muíño do Quinto, hoxe

Zona do Muíño do Quinto, hoxe

O by-pass do Muíño do Quinto é unha das actuacións previstas no convenio entre Augas de Galicia e o Concello de Carballo para reducir o risco de inundación no río Anllóns. Augas de Galicia comprométese a executar, controlar e financiar as obras precisas; mentres que o Concello de Carballo debe achegar os terreos, xestionar as licenzas e facerse cargo do mantemento posterior das obras que pola súa natureza sexan susceptibles de recepción por parte da Administración local. O orzamento das actuacións está estimado en tres millóns de euros, cofinanciados nun 80%  a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e repartidos en tres anualidades: 280.000 no 2021; 1.360.000, no 2022, e 1.360.000, no 2023.

Augas de Galicia está a traballar na redacción do resto dos proxectos: 

  • Demolición dun edificio de titularidade municipal, reforma da ponte e creación dunha canle de augas altas na rúa Sol.
  • Mellora integral do parque San Martiño, coa construción de motas de protección fronte ás avenidas.
  • Reforma da ponte da Casilla, coa mellora do leito e motas de contención augas abaixo da ponte. Neste caso tamén se inclúe a demolición dun edificio que está en proceso de expropiación.
  • Mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace entre a AG-55 e a AC-552, na Cepeira (Sísamo).

Compartir: