Inicio Carballo ao día Novas Belén Lendoiro oficiou os dous primeiros...

Belén Lendoiro oficiou os dous primeiros casamentos civís do ano, e xa hai previstos tres máis para este mes

O ano pasado houbo 48 vodas, e por primeira vez non foi o alcalde, senón o concelleiro Iván Andrade, o que máis celebrou

Domingo 23 de xaneiro do 2022

Imaxe da primeira voda deste ano

Imaxe da primeira voda deste ano

Esta fin de semana celebráronse na Casa do Concello os dous primeiros casamentos do ano. Os dous foron oficiados pola concelleira Belén Lendoiro, que polo momento encabezaría un hipotético ránking anual. De feito, en Carballo, a competencia que a lei outorga ao alcalde ou persoa na que delegue, é desempeñada por diferentes membros da corporación, en ocasións a petición dos contraentes.

O ano pasado celebráronse 48 vodas civís, e por primeira vez non foi Evencio Ferrero o que máis oficiou, senón Iván Andrade. O concelleiro de Innovación, Formación e Emprego sempre se ofrece voluntario para este tipo de cerimonias, e proba dilo son as 18 que presidiu no 2021. Iván Andrade mantén unha saudable e amigable competencia con Maruxa Suárez, concelleira de Normalización Lingüística, Mocidade e Festas, que celebrou 14 vodas. Entre os dous conseguiron relegar a Evencio Ferrero ao terceiro lugar, con 12 cerimonias. A concelleira socialista Mari Carmen Vila celebrou tres, e a nacionalista Belén Lendoiro, titular de Facenda, Patrimonio e Persoal, unha.

Segunda voda celebrada esta fin de semana

Segunda voda celebrada esta fin de semana

Despois do importante descenso que se producira no 2020 por mor da pandemia, con só 25 enlaces civís, no 2021, malia que continuaron as restricións, recuperouse o número habitual de cerimonias, que se sitúa entre 40 e 50 ao ano. Segundo os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística, no 2020 rexistráronse no noso concello un total de 81 matrimonios, entre relixiosos e civís, que cada vez son maioría. Nos dez anos comprendidos entre o 2011 e o 2020, ámbolos dous incluídos, celebráronse 1.140 casamentos, e o 2020 foi o primeiro ano no que non se acadaron os cen. O 2022 empeza forte, e despois das dúas vodas deste sábado, para este mes xa están previstas outras tres.

Casar no Concello de Carballo é de balde, e ademais ofrécense aos contraentes todo tipo de facilidades en canto a días, horarios, lugares ou decoración dos espazos das cerimonias. Hainas de todo tipo, pero, sexan como sexan, ás persoas que lles toca oficialas gústalles preparalas con todo detalle. Cada concelleiro ou concelleira achega o seu toque especial, intentando arroupar os artigos do Código Civil, de obrigada lectura, con algún poema. O alcalde ten autores de referencia como Avilés de Taramancos, Manuel María ou Mario Benedetti, pero tamén leu a Baudelaire nunha ocasión na que a noiva era francesa e soubo que lle gustaba ese autor. O único que non fai Evencio Ferrero é casar fóra da Casa do Concello, e por iso, cando a parella pide que se oficie na cerimonia noutro lugar, que tamén é habitual, presídea outro membro da corporación.

Compartir: