Inicio Carballo ao día Novas A Policía Nacional tramitou o ano pasado...

A Policía Nacional tramitou o ano pasado en Carballo un total de 13.939 DNI e pasaportes

O 65% das persoas que utilizaron o servizo son veciñas doutros concellos, e un 3% residen no estranxeiro

Venres 14 de xaneiro do 2022

A oficina está situada na planta baixa da Casa do Concello, con acceso directo dende a rúa Cervantes

A oficina está situada na planta baixa da Casa do Concello, con acceso directo dende a rúa Cervantes

A Unidade de Estranxeiría e Documentación da Policía Nacional, que ten a súa sede na planta baixa da Casa do Concello, tramitou o ano pasado un total de 13.939 documentos: 12.720 DNI e 1.219 pasaportes. Tras o descenso que se producira no ano 2020 como consecuencia do cese da actividade durante case dous meses, a oficina recuperou no 2021 a súa actividade habitual, superando a media de 1.000 documentos ao mes.

Aínda que o 35% das persoas que utilizan o servizo son veciñas do noso concello, hai un 65% de fóra, que procede, fundamentalmente, doutros municipios da contorna. A de Carballo é a oficina de referencia para toda a Costa da Morte, como demostran os 1.260 veciños e veciñas da Laracha que se achegaron ata ela o ano pasado, os máis de 600 de Malpica ou os 530 de Vimianzo, pero tamén viñeron case 500 veciños e veciñas da Coruña e 110 de fóra de Galicia.

Outro dato rechamante é o de persoas estranxeiras que utilizan o servizo, e que o ano pasado foron 428, fundamentalmente emigrantes do noso concello noutros países que aproveitan as vacacións para renovar os seus documentos de identidade. De feito, a maior parte dos/as usuarios/as da oficina durante o Nadal e o mes de agosto axústanse a ese perfil.

Se precisas utilizar o servizo lembra que podes pedir cita de maneira telemática dende a páxina web www.citapreviadnie.es ou presencialmente

A Unidade de Estranxeiría e Documentación da Policía Nacional de Carballo cumprirá cinco anos o 20 de marzo, e dende a súa posta en marcha mantén unha actividade moi elevada. Así, entre o 20 de marzo do 2017 e o 31 de decembro do 2020 foron tramitados máis de 60.000 documentos.

Se precisas utilizar o servizo lembra que podes pedir cita de maneira telemática dende a páxina web www.citapreviadnie.es ou presencialmente. O horario de atención ao público é de 09.00 a 14.30, de luns a venres. Dende o servizo lembran que para a expedición e/ou renovación da documentación é preciso achegar unha fotografía actual, e as persoas que necesiten actualizar o seu enderezo tamén deben presentar un xustificante de empadroamento.

Compartir: