Inicio Carballo ao día Novas A Oficina Técnica Municipal tramitou nos...

A Oficina Técnica Municipal tramitou nos últimos cinco anos 86 solicitudes de licenzas para naves industriais

No período 2017-2021 tamén se presentaron 376 comunicacións previas de inicio de actividades empresariais

Xoves 13 de xaneiro do 2022

No polígono de Bértoa só hai 4 parcelas dispoñibles

No polígono de Bértoa só hai 4 parcelas dispoñibles

No ano 2011 presentáronse as primeiras solicitudes de licenza para a construción de naves na segunda fase do polígono industrial de Bértoa. Nestes dez anos lévanse tramitados 125 proxectos empresariais, pero case o 70% concéntranse nos últimos cinco anos. Así, no período 2017-2021 chegaron á Oficina Técnica Municipal 86 solicitudes de licenzas para a construción de naves industriais, 13 delas o ano pasado. As cifras correspóndense co elevadísimo nivel de ocupación e de actividade que ten o parque empresarial de Bértoa, no que só quedan 4 parcelas dispoñibles.

O polígono carballés continuou tamén no 2021 á cabeza de Galicia en venda de solo e, en consecuencia, de actividade urbanística. Carballo é un destino escollido por empresas de todos os sectores. Sen ir máis lonxe, entre as 13 solicitudes de licenza presentadas o ano pasado figuran empresas dos ámbitos agrogandeiro, da construción, a alimentación ou a fabricación de distintos elementos.

O do polígono de Bértoa ocupa un millón de metros cadrados de superficie, practicamente esgotada, á espera de que por parte da Xunta de Galicia se desenvolva o proxecto sectorial correspondente á terceira fase, que permitiría poñer no mercado outros 554.000 metros cadrados e evitar que cada vez máis empresas opten por implantarse noutros concellos por non ter solo industrial dispoñible en Carballo.

O noso concello é, historicamente, o centro empresarial e comercial de todo o ámbito da Costa da Morte. E así o confirman as naves que van enchendo cada día máis o polígono de Bértoa, senón tamén a actividade que se desenvolve fóra do parque empresarial.

Despois do baixón que se rexistrara no período 2012-2016, nos últimos cinco anos repunta a actividade comercial, como se desprende dos datos de comunicacións previas de inicio de actividade tramitadas na Oficina Técnica Municipal. Nos últimos cinco anos presentáronse 376 solicitudes para a posta en marcha doutros tantos negocios, 61 deles no 2021.

Compartir: