Inicio Carballo ao día Novas Evencio Ferrero realizou un percorrido polas...

Evencio Ferrero realizou un percorrido polas obras viarias que están en execución na zona urbana

Os traballos concéntranse neste momento no ámbito dos Baños Vellos e na rúa Vázquez de Parga

Mércores 12 de xaneiro do 2022

Obras nas rúas Baños Vellos e Ourense

Obras nas rúas Baños Vellos e Ourense

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Mobilidade, Juan Seoane, e Obras e Servizos, Luis Lamas, realizaron hoxe un percorrido polas obras de mellora viaria que están en marcha nestes momentos na zona urbana, e que teñen como finalidade tanto seguir modernizando os servizos de auga, saneamento, alumeado, gas, cable... coma continuar dando pasos cara a accesibilidade universal e avanzar na mellora urbanística do noso pobo.

Obras na Vázquez de Parga

Obras na Vázquez de Parga

Nestes momentos os traballos concéntranse en dous ámbitos: a contorna do balneario e a rúa Vázquez de Parga.

No primeiro están en execución por parte da empresa Excavaciones y Obras Candal os traballos de reurbanización das rúas Ourense e Baños Vellos, nas que se renovarán ou instalarán todos os servizos e implantarse plataforma única. O proxecto tamén prevé a plantación de arborado, e a instalación de mobiliario urbano e dunha fonte, no encontro das rúas, que será o elemento central dunha intervención artística para rememorar a historia termal do ámbito.

As obras que se están realizando nas rúas Ourense e Baños Vellos forman parte do plan director de mellora da contorna do balneario, que inclúe tamén a reurbanización das rúas Pontevedra, xa adxudicada e que se acometerá de seguido; Chile, que está en licitación nestes momentos, e Estrela e Lugo, que xa teñen orzamento e contrataranse nos vindeiros meses. O investimento total nese ámbito achégase aos 700.000 euros.

Pola súa banda, a actuación que está a desenvolver na rúa Vázquez de Parga forma parte do proxecto Cicl-Ando Carballo, que inclúe a construción de 18 quilómetros de sendas ciclo-peonís.

A denominada Senda 8 conectará, ao longo de 531 metros, a zona urbana co polígono de Bértoa a través do itinerario xa existente na avenida do mesmo nome. Ademais de resolver os problemas das canalizacións existentes renovándoas e incorporando novos servizos, este traxecto resolverá un importante problema de mobilidade. O plan de actuación contempla a creación dun carril bici de 2,5 metros de ancho, separado da zona de aparcamento por unha franxa axardinada con céspede e árbores, mentres que a beirarrúa tamén se modifia para eliminar as barreiras arquitectónicas. Sinalización e mobiliario urbano completan a actuación, que executa a empresa Construcciones López Cao cun orzamento de 256.960,34 euros dentro dun proxecto global de dous millóns de euros.

Compartir: