Inicio Carballo ao día Novas A publicación do anuncio no DOG marca o...

A publicación do anuncio no DOG marca o comezo do período de información pública do plan especial de Pedra do Sal

O documento estará a disposición das persoas interesadas durante dous meses, ao longo dos cales poderán pedir consultas individualizadas co equipo redactor

Venres 22 de outubro do 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica con data 22 de outubro o anuncio de información pública do Plan especial de ordenación do núcleo de Pedra do Sal e de protección da súa contorna, elaborado pola empresa Monteoliva Arquitectura, S.L.P. O documento estará a disposición das persoas interesadas polo prazo de dous meses, durante os cales poderán examinar o expediente e presentar, de ser o caso, as alegacións que consideren oportunas. Paralelamente, dende o Concello de Carballo solicitaranse os informes sectoriais preceptivos ás administracións con competencias na zona afectada.

Os/as titulares catastrais dos terreos afectados están a recibir as notificacións individuais, e ademais a partir da vindeira semana terán á súa disposición un servizo de atención ao público individualizado. O equipo redactor atenderá ás persoas interesadas os martes, de 17.00 a 20.00 horas, e os mércores, de 09.30 a 13.30 horas, en ámbolos dous casos previa solicitude de cita no teléfono 981704705. As persoas que non poidan desprazarse ao Fórum Carballo poderán solicitar cita telemática. En todos os casos é imprescindible achegar a notificación individual, na que figuran os datos da parcela.

Ao mesmo tempo, continúan as sesións informativas no Centro Social de Imende. Este xoves volveron a celebrarse dúas xuntanzas, e están previstas máis para a semana que vén coas persoas que formalizaron a súa inscrición durante o período habilitado con esa finalidade.

O plan especial de Pedra do Sal abrangue un ámbito de 330.000 metros cadrados de solo rústico e de núcleo rural, no que, tal como se establece no PXOM, non poderán outorgarse licenzas ata o seu desenvolvemento.

Dado que se trata dunha das áreas máis sensibles do noso concello dende o punto de vista medioambiental, son moitos os condicionantes que inflúen no seu desenvolvemento. Téndoos en conta, o plan especial pretende mellorar o núcleo, os servizos dos que dispón e as dotacións e equipamentos; ordenar o bordo litoral para o uso das praias e preservar e protexer a paisaxe e os espazos naturais.

Ligazóns

Compartir: