Inicio Carballo ao día Novas Aprobadas as subvencións de...

Aprobadas as subvencións de promoción económica para entidades empresariais por un importe de 63.943,44 euros

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou a convocatoria das axudas para a conciliación da vida familiar e laboral

Luns 11 de outubro do 2021

A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria de hoxe a concesión de subvencións ás asociacións de empresarios e comerciantes para o desenvolvemento de actividades de promoción económica, segundo as solicitudes presentadas, por un importe total de 63.943,44 euros.

As axudas distribúense do seguinte xeito:

  • Asociación As Eiroas de Empresarios e Propietarios do Polígono de Bértoa: 7.399,92 euros para visita institucional e servizo de recollida selectiva de cartón e plástico.
  • Centro Comercial Aberto (CCA): 30.000 euros para a xerencia, promoción comercial e fidelización.
  • Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober): 25.337,02 euros para actividades de difusión, formación, promoción e apoio ao tecido empresarial.
  • Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Profesionais do Barrio da Milagrosa: 1.206,50 euros para a campaña “Ti mantesnos vivos”.

As entidades teñen de prazo ata o 15 de novembro para presentar a xustificación do gasto estipulado na resolución.

Fóra da orde do día tamén foi aprobada a convocatoria de axudas para a conciliación da vida familiar e laboral correspondente a este ano, por un importe máximo de 15.000 euros. Esta liña de subvención responde ao interese da Área de Igualdade e Benestar do Concello de Carballo por artellar políticas apropiadas para dar cobertura ás necesidades das familias con menores a seu cargo (de 3 a 12 anos, ou ata 16 cando os menores teñan recoñecida una discapacidade igual ou superior ao 33%) que precisen conciliar a súa vida laboral e familiar, sempre que non exista un recurso público que poida dar resposta ás necesidades da familia.

As axudas só se poderán recibir polos servizos contratados fóra dos centros escolares, e consistirán no reembolso do gasto realizado entre o 1 de xaneiro e o 30 de outubro de 2021 en actividades como campamentos de verán, o coidado e transporte dos nenos e nenas por parte de escolas infantís ou similares naqueles colexios que non dispoñan do programa Concilia, o servizo de comedor por parte dunha entidade privada, sempre e cando exista incompatibilidade horaria dos proxenitores e que non se dispoña de praza de comedor, e as actividades extraescolares fóra do centro educativo sempre e cando non exista oferta por parte da ANPA ou outra entidade.

Poderán optar ás axudas de conciliación as familias empadroadas en Carballo cunha antigüidade mínima de seis meses, cuxos ingresos anuais non excedan as contías establecidas nas bases e sempre que exista incompatibilidade dos dous proxenitores para conciliar a súa vida familiar e laboral.

Outros acordos

Presentación do

Presentación do "Proxecto Anllóns"

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou na sesión de hoxe facturas por importe de 27.926,83 euros, vaos, licenzas urbanísticas e o convenio de cooperación entre a Deputación Provincial da Coruña e os concellos da Laracha, Cabana de Bergantiños, Carballo, Coristanco e Ponteceso para regular o “Proxecto Anllóns”. O acordo terá unha vixencia de 4 anos, prorrogables por un máximo de 4 anos adicionais.

Finalmente, o goberno local aprobou a adxudicación á empresa Fariña Maquinaria, por un importe de 36.058 euros, do contrato de subministro de apeiro de roza de brazo con destino á Brigada Municipal de Obras.

Compartir: