Inicio Carballo ao día Novas Abrimos o segundo período de cobro de...

PADRÓNS DE IBI, IAE E LIXO COMERCIAL

Abrimos o segundo período de cobro de tributos con bonificacións na taxa do lixo para hostalaría e turismo

No primeiro período superouse o 90% de recadación grazas á baixa presión fiscal, as facilidades de pago e, sobre todo, o compromiso da cidadanía

Martes 14 de setembro do 2021

Os establecementos de hostalaría terán unha bonificación do 37,5% na taxa do lixo polos peches provocados pola pandemia

Os establecementos de hostalaría terán unha bonificación do 37,5% na taxa do lixo polos peches provocados pola pandemia

O Concello de Carballo abrirá do 15 de setembro ao 30 de novembro o segundo período de cobro de tributos municipais do ano 2021, que inclúen o IBI, o IAE e a taxa de lixo comercial, cuxo pago volvemos a adiar por mor da crise sanitaria. Ademais, tal como acordou a corporación municipal na sesión plenaria celebrada o 30 de novembro de 2020, debido ás restricións na súa actividade por mor da COVID-19, os establecementos de hostalaría e viaxes desfrutan neste exercicio dunha bonificación do 37,5% na taxa do lixo, que xa se aplica de oficio nos recibos, polo que non terán que solicitala.

Estes son os impostos e taxas que se poñen ao cobro:

  • Imposto sobre Bens Inmobles, nas súas modalidades urbana, rústica e de características especiais, cun total de 34.098 liquidacións ao cobro.
  • Imposto sobre Actividades Económicas, cun total de 358 liquidacións ao cobro.
  • Taxa pola prestación do servizo de recollida de lixo e residuos sólidos urbanos, na súa modalidade comercial, cun total de 1.406 recibos ao cobro. 

Os/as contribuíntes poderán realizar o pago dos recibos nas oficinas da Recadación Municipal, situadas na rúa Camiño Novo, número 7, entreplanta Galerías Comerciais. Estes son os horarios de apertura:

  • De luns a xoves, de 09:00 a 13:30 e de 16:00 a 18:30 horas.
  • Os venres, de 09:00 a 13:30 horas.

Os recibos domiciliados pasaranse ao cobro a partires do día 18 de outubro. A día de hoxe atópanse domiciliadas pouco máis de 14.000 liquidacións das 35.860 que compoñen os padróns, o que supón un 39% do total. As persoas que desexen domiciliar os seus pagos poderán facelo, para que teña efectos no actual período de recadación, ata o día 10 de outubro.

Como é costume, o Concello de Carballo remitirá cartas informativas aos contribuíntes, co detalle das liquidacións. En total realizaranse 18.631 envíos.

As persoas que o desexen poden examinar os padróns no Servizo de Xestión Tributaria do Concello, a fin de comprobar a exactitude dos datos que lles afecten, así como para facer constar o seu enderezo actual de notificación se non recibisen a carta informativa antes do día 10 de outubro.

Balance do primeiro semestre

No primeiro semestre do ano xa se puxeron ao cobro os padróns do imposto sobre vehículos, lixo de vivendas e vaos. Segundo o informe provisional dos servizos económicos, as porcentaxes de recadación están en niveis previos á pandemia e mesmo superiores.

En vehículos, por exemplo, puxéronse ao cobro preto de 20.000 recibos e xa se materializaron o 88,76% (o ano pasado en todo o ano o 85,69% e no 2019, o 89,30%). En lixo de vivendas, con 18.300 recibos, xa temos cobrado o 93,16% (no 2020 en todo o ano foi o 92,13% e no 2019, o 92,64%). En vaos xa se acadou o 96,02% recadado (no 2020 foi o 95,05% e no 2019, o 96,27%).

O alcalde destacou a eficacia dos servizos de recadación e, moi especialmente, “a sensibilidade e o compromiso que temos os veciños e as veciñas de Carballo á hora de atender as nosas obrigas para co Concello. Son porcentaxes inalcanzables para a maioría dos concellos”, asegurou. Evencio Ferrero destacou que ese compromiso social é a consecuencia tamén dunha presión fiscal moi baixa, xa que os impostos e as taxas son das máis baixas dos concellos do seu nivel e mesmo de concellos moito máis pequenos, e tamén das facilidades que se ofrecen á veciñanza para o fraccionamento dos pagos.

Compartir: