Inicio Carballo ao día Novas O plan especial de Pedra do Sal dá un paso...

O plan especial de Pedra do Sal dá un paso adiante na súa tramitación coa aprobación inicial na Xunta de Goberno Local

O documento, presentado xa aos grupos da oposición, será sometido a información pública durante dous meses, e os titulares dos terreos afectados serán notificados individualmente

Luns 13 de setembro do 2021

A presentación do plan especial á oposición realizouse o 27 de agosto

A presentación do plan especial á oposición realizouse o 27 de agosto

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe, de xeito inicial, o plan especial de ordenación do núcleo de Pedra do Sal e de protección do seu entorno, un documento elaborado polo estudo Monteoliva Arquitectura para definir o desenvolvemento dun ámbito de 330.000 metros cadrados de solo rústico e de núcleo rural nunha das áreas máis sensibles do territorio carballés.

A proposta, presentada días atrás aos grupos da oposición, será sometida a información pública durante dous meses a partir da publicación do anuncio correspondente no Diario Oficial de Galicia. Durante ese prazo, a veciñanza poderá consultar o documento e presentar as alegacións que consideren oportunas. As persoas titulares dos terreos afectados serán notificadas individualmente. Ao mesmo tempo, dende o Concello de Carballo solicitaranse os informes sectoriais preceptivos ás administracións con competencias na zona afectada.

Tal como se establece no Plan Xeral de Ordenación Municipal, no ámbito do plan especial non poderán outorgarse licenzas ata o seu desenvolvemento.

Obxectivos do plan especial

Ámbito do plan especial

Ámbito do plan especial

Tendo en conta todos os condicionantes, que nesa zona son moitos, o Plan Especial de Pedra do Sal pretende mellorar o núcleo, os servizos dos que dispón e as dotacións e equipamentos; ordenar o bordo litoral para o uso das praias e preservar e protexer a paisaxe e os espazos naturais.

A proposta inclúe, por unha banda, as actuacións públicas programadas en vías, espazos libres, equipamentos e infraestruturas de servizos. Son, en total, 18 actuacións a desenvolver ao longo de 16 anos, e divididas segundo a súa prioridade.

Nos primeiros catro anos o Concello de Carballo debería asumir a mellora do acceso ao núcleo e a construción dunha rotonda na estrada provincial, a adquisición dunha parcela de servizos, a ampliación e o acondicionamento da rúa do Pinar, a creación dun aparcadoiro permanente e outro de tempada, a construción dunha pasarela litoral Baldaio-O Pinar e a creación da zona verde do Monte das Saíñas. No segundo cuadrienio están incluídas a mellora e o acondicionamento da rúa litoral de Pedra do Sal, a creación de tres zonas verdes, a construción dun equipamento multiusos e un aparcadoiro con servizos para autocaravanas. Deste xeito, en oito anos estarían executadas a maior parte das actuacións propostas, e para a outra metade do período de vixencia do plan quedarían o resto das obras, como o acondicionamento dos viarios interiores da Pedra do Sal e As Saíñas-O Pinar ou a creación doutras zonas verdes. O investimento total previsto para eses 16 anos achegaríase aos 6,5 millóns de euros.

A outra vertente que articula o plan especial é a regulación, dende o punto de vista da normativa urbanística, das condicións dos usos, parcelas e edificacións, establecendo, por exemplo, unhas normas de uso de materiais, cores ou peches, con prazos para aplicalas e buscando a mellora paisaxística do núcleo rural. Esa regulación tamén ten en conta as necesidades de servizos como a auga, o saneamento ou Internet, o soterramento dos tendidos ou o funcionamento da recollida do lixo.

O ámbito do plan especial caracterízase por albergar en pouco espazo unha gran riqueza de fauna, flora e formas xeolóxicas. Na contorna de Pedra do Sal atópanse varias especies protexidas ou en vías de extinción que deben protexerse, ao tempo que hai que combater as especies invasoras que diminúen as poboacións das especies autóctonas, e que se propagan, principalmente, a través das rodas dos vehículos e das pisadas da xente. Por iso, tamén se establecen medidas de control das especies exóticas e introdúcese un listado de especies vexetais recomendadas.

Compartir: