Inicio Carballo ao día Novas Aprobación definitiva dos proxectos de...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Aprobación definitiva dos proxectos de equidistribución e urbanización do solo para o Parque Comercial A Revolta

O Concello de Carballo contribúe á organización do FIOT cunha subvención de 35.000 euros, a cesión de espazos municipais e 13 espectáculos

Luns 13 de setembro do 2021

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa xuntanza deste luns, de xeito definitivo, os proxectos de equidistribución e de urbanización do sector de solo urbanizable correspondente ao Parque Comercial A Revolta.

O sector ten unha superficie bruta de 49.362,08 metros cadrados, cunha superficie máxima edificable de 28.063,30 metros cadrados que se reparte en dúas mazás de uso terciario, dentro das cales se reservan 2.806,33 metros cadrados correspondentes ao 10% de aproveitamento para o Concello de Carballo. Ademais da aprobación do proxecto de equidistribución, por parte do Concello acéptase esa cesión, xunto coa correspondente á rede viaria e ás zonas verdes.

En canto ao proxecto de urbanización, que ten como finalidade a execución dos servizos e as dotacións establecidas no planeamento, a vía 1 entronca coa AC–552 na rotonda prevista como sistema xeral no PXOM, que será executada polo Concello de Carballo de forma simultánea coas obras de urbanización do sector, segundo o convenio aprobado no 2019.

A intención da empresa promotora é abrir o Parque Comercial A Revolta no Nadal do ano que vén. A posta en marcha do complexo comercial e de ocio supón un investimento de 21,6 millóns de euros e a creación de máis de 700 empregos durante a construcción e preto de 500 durante a explotación.

Outros acordos

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou a prórroga por un ano, do 1 de outubro do 2021 ao 1 de outubro do 2022, do contrato do servizo de limpeza viaria, e o expediente de contratación da aplicación informática para a prescrición dixitalizada de exercicio físico ás persoas usuarias dos servizos deportivos que presta o Concello de Carballo directamente, cun orzamento de 3.800 euros ao ano.

Na sesión de hoxe decidiuse, por outra banda, a imposición de penalidades por un total de 3.703,47e euros á empresa adxudicataria do contrato mixto de subministro e obra de instalación dos aparcamentos para bicicletas incluídos no proxecto Cicl-Ando Carballo polo incumprimento do contrato nun 50%.

Fóra da orde do día foi aprobada a programación do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) xunto cunha subvención de 35.000 euros para a súa organización. A maiores, o Concello de Carballo colabora coa cesión de distintos espazos municipais e con 13 espectáculos contratados directamente pola Concellaría de Cultura a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña e da Rede Galega de Teatros e Auditorios, ademais de ceder á Asociación Cultural Telón e Aparte a xestión e os dereitos de cobro de entrada.

Gratificacións, facturas por 33.163,85 euros, licenzas urbanísticas e as subvencións anuais a entidades deportivas completan os acordos adoptados polo goberno municipal na sesión deste luns, presidida pola alcaldesa en funcións, Milagros Lantes.

Compartir: