Inicio Carballo ao día Avisos As atraccións infantís do San...

As atraccións infantís do San Martiño amplían a súa estadía en Carballo ata mediados de setembro

Martes 31 de agosto do 2021

Despois de moitos meses sen poder traballar, as atraccións e os postos de venda ambulante retomaron a súa actividade no San Martiño. En principio prevíase que a estancia se limitase ao mes de agosto, pero dada a importancia do sector do noso concello e a intención do Concello de Carballo facilitar o desenvolvemento dunha actividade económica fundamental para moitas familias, de común acordo co sector apostamos por mantelas ata mediados de setembro.

Lembramos que as atraccións deben cumprir tanto as normas municipais coma coas medidas de prevención da COVID-19 que establezan as autoridades sanitarias en cada momento. As publicadas no DOG de do 5 de agosto son as seguintes:

  • Nos espazos nos que se instalen atraccións de feira respectaranse a distancia de seguridade interpersoal e as medidas hixiénicas esixibles a cada instalación ou actividade.
  • Deberá sinalizarse o espazo no que se desenvolvan as atraccións de maneira que se facilite o establecemento de puntos diferenciados de entrada e saída.
  • Tanto o público coma o persoal deberá levar máscara e en todas as atraccións deberá haber xel desinfectante.
  • Cada atracción deberá aplicar as medidas de limpeza e desinfección adecuadas ao tipo de actividade, á frecuencia e ás condicións de uso. En todo caso, someterase a unha limpeza ao remate de cada xornada de uso.
  • Non se permitirán piscinas de bólas, pola dificultade da súa limpeza, pero ese espazo poderá dedicarse a outra actividade lúdica para o público infantil. Nas atraccións inchables o aforo non superará o 50%.
Dende o Concello de Carballo tamén se toman medidas con respecto ao horario de apertura, que será como máximo de 10:00 a 21:00 horas, e non se permitirá música ambiental nin aparatos emisores de sons molestos para a veciñanza.

Compartir: