Inicio Carballo ao día Novas O concelleiro de Servizos, Luis Lamas, expuxo o...

XORNADA EN COMPOSTELA

O concelleiro de Servizos, Luis Lamas, expuxo o modelo carballés de xestión dos bio-residuos na xornada de clausura do proxecto europeo "Tropaverde"

Carballo é un concello de referencia a nivel autonómico na implantación do colector marrón

Xoves 13 de maio do 2021

A Directiva de Residuos establece unha serie de obrigas en materia de bio-residuos para os estados membros da UE, que deben impulsar a recollida selectiva con destino á compostaxe, o tratamento dos bio-residuos de xeito que se acade un alto grao de protección do medio ambiente e o uso de materiais ambientalmente seguros producidos a partir de bio-residuos. No camiño cara a consecución deses obxectivos, os concellos de máis de 20.000 habitantes están obrigados a implantar no ano 2022 a recollida selectiva de bio-residuos, co obxectivo de acadar unha redución do 50% no volume de RSU no ano 2030.

Carballo quixo anticiparse a esa necesidade, e hoxe o noso concello é un referente a nivel autonómico e mesmo estatal na xestión da denominada quinta fracción. O noso modelo volveu a servir de exemplo, nesta ocasión na xornada final do proxecto europeo “Tropaverde”, que se celebrou esta semana en Santiago e que contou coa participación do concelleiro de Servizos, Luis Lamas, que compartiu escenario con Berta Rial, técnica do Departamento de Medio Ambiente do Concello de Santiago de Compostela, e Bruño de Llano, especialista na xestión local e autonómica.

Luis Lamas fixo un percorrido pola xestión en materia de residuos realizada polo noso concello dende o ano 2003, no que foi preciso elaborar un inventario de necesidades dada a precariedade dos servizos de recollida de lixo e limpeza, pero no que sobre todo, segundo destacou, empezouse a traballar para conseguir a implicación da veciñanza e a súa identificación co lema “Carballo Limpo, buscando deste xeito unha complicidade que foi vital en todas as medidas que viñeron despois”, dixo. Ese labor, xunto coa profesionalización dos servizos de limpeza viaria e edificios, recollida e xestión dos RSU, xestión e mantemento do alumeado ou ciclo integral da auga, contribuíu a que, a día de hoxe, estes servizos acaden unha puntuación de 8,9 sobre 10, segundo as enquisas realizadas, “polo que o balance non é que sexa bo para nós, senón que é bo para a cidadanía de Carballo, que ao fin é para o que traballamos”, engadiu.

O obxectivo actual é ir máis alá de Carballo Limpo, creando unha nova marca: Carballo Sustentable

O obxectivo actual é ir máis alá de Carballo Limpo, creando unha nova marca: Carballo Sustentable, que identifica os pasos dados polos sucesivos gobernos municipais en materia de xestión dos servizos públicos, da mobilidade e a habitabilidade ou da participación veciñal. Un deses pasos, como explicou Luis Lamas, foi a aposta decidida pola xestión sostible dos bio-residuos, dende o ano 2014 co Plan de Compostaxe Rural, no que xa participan 562 familias, e no último ano coa compostaxe urbana a través do programa Ti tes a chave, no que contamos a día de hoxe con máis de 1.500 familias e grandes produtores. O nivel de recollida aproxímase ás dúas toneladas diarias, cun índice de impropios inferior ao 5%, o cal permite intuír que en cuestión de meses contaremos cun compost de grande calidade.

Compartir: