Inicio Carballo ao día Novas O sector dos salóns de peiteado e...

HOXE REUNÍRONSE CON EVENCIO FERRERO E XOSÉ REGUEIRA

O sector dos salóns de peiteado e estética solicita o apoio do Concello de Carballo para acadar unha maior visibilización social

No noso concello foron aprobadas definitivamente 42 das 61 solicitudes de axudas PEL Reactiva presentadas polo sector

Martes 13 de abril do 2021

A reunión celebrouse na Alcaldía

A reunión celebrouse na Alcaldía

Dúas representantes do sector dos salóns de peiteado e beleza, Irina Salgado, coordinadora en Galicia da Plataforma Peluqueros Unidos de España, e Asunción Catoira, presidenta da Asociación Estilistas Coruñeses ECIPA, mantiveron hoxe unha xuntanza co alcalde, Evencio Ferrero, e co concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, para poñer sobre a mesa distintas problemáticas que afectan ao sector e que se ven agravadas a consecuencia da COVID-19.

A principal reivindicación do colectivo é acadar unha maior visibilización como sector que tamén presta unha importante función social, pois, ademais da estética, atenden as necesidades de moitas persoas dependentes ou de avanzada idade para as cales o lavado do cabelo e o peiteado é unha cuestión de hixiene. Segundo expuxeron, ás veces séntense consideradas un sector de segunda clase, unha percepción fronte á cal demandan, como profesionais, o mesmo tratamento que outros colectivos semellantes para cuestións como a vacinación ou o acceso ás axudas públicas. Nese sentido valoraron moi positivamente a iniciativa presentada polo BNG no Congreso dos Deputados para que se rebaixe do 21% ao 10% o IVE que se lle aplica ao sector.

A nivel local, precisamente onte a Xunta de Goberno aprobou a concesión definitiva de axudas PEL Reactiva por un importe total de 550.578,18 euros. Entre as empresas beneficiadas figuran varios salóns de peiteado e beleza, que percibirán axudas directas de entre 1.500 e 3.000 euros. O sector presentou no noso concello un total de 61 solicitudes, das que 42 foron concedidas, 11 quedaron fóra porque se esgotou a partida, 2 renunciaron e 6 foron denegadas por incumprir as bases da convocatoria.

Xosé Regueira, que tamén é vicepresidente da Deputación da Coruña, comprometeuse coas representantes do sector a xestionarlles unha xuntanza con responsables da área de Promoción Económica da institución provincial.

Compartir: